O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reúnese coa presidenta de AELU, Anjhara Gómez

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu á presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Anjhara Gómez, para abordar proxectos comúns para avanzar no emprendemento feminino e na dinamización empresarial, obxectivos que comparten ambas entidades.
Neste sentido, falaron de renovar as colaboracións que manteñen para desenvolver eventos, xornadas, feiras e premios para favorecer e impulsar o sector comercial e empresarial, e prestar servizo de asesoría e formación ás mulleres empresarias.
O rexedor puxo en valor o importante labor que desenvolve desde hai 37 anos este colectivo, que conta con máis de 150 asociadas.
Igualmente, fixo fincapé na “estreita colaboración que mantén co Concello de Lugo, con quen comparte sinerxías, obxectivos e proxectos, de forma especial no viveiro de empresas do CEI-NODUS no que está integrada. Seguiremos adiante traballando conxuntamente, gracias a ese convenio para a dinamización do emprendemento, poñendo a súa disposición os servizos e as instalacións do viveiro de empresas municipal de Garabolos”.