A rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da súa contorna marcará un antes e un despois na Tinería

LugoXa
A Xunta e o Concello presentan o proxecto gañador para a recuperación deste ámbito histórico, e o alcalde de Lugo insta a axilizar os trámites urbanísticos para avanzar na súa execución
proxecto-rehabilitación-do-Pazo-Dona-Urraca-Lugo
9 Oct 2025

O proxecto gañador para a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da súa contorna foi presentado en Lugo nun acto encabezado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen definiu a intervención como “un proxecto que marcará un antes e un despois en Lugo, convertendo a Tinería nun novo símbolo da cidade”.

A actuación, que permitirá desenvolver o ámbito da UI-8, contempla a rehabilitación do histórico Pazo e doutros inmobles anexos para crear 16 novas vivendas e unha praza pública entre o edificio e a Muralla, cun investimento próximo aos sete millóns de euros.

O primeiro premio do concurso convocado pola Xunta recaeu na proposta LUCUS350, asinada polos arquitectos José Jorge Santos, José Carlos Mera Rodríguez, Javier Barcos Berruezo e Manuel Enríquez Jiménez, que recibirá 12.000 euros. O segundo galardón foi para MEMOR145, dos autores José Manuel Castro Vázquez, Jorge Losada Quintas, Mario Alonso Ricci Garay e Michele Albaneli, mentres que o terceiro premio foi para CAMEL105, de Carlos Alberto Pita Abad, Jorge Salado Cortina, Xoán Manuel Pérez Lorenzo, Noemí Cuba Alvariño e Carmen Romero. En total, presentáronse 17 propostas a este certame que busca poñer en valor un dos espazos máis emblemáticos da Tinería.

Allegue destacou a calidade das propostas e explicou que, ademais da rehabilitación do Pazo, datado no século XII, o proxecto inclúe a creación dunha praza entre o inmoble e a Muralla, así como a recuperación dos edificios situados nas rúas Miño 19 e 21 e Halcón 16 e 18, nos que se habilitarán seis vivendas, e a construción doutras dez novas. A conselleira subliñou que coa presentación do proxecto “dase o impulso definitivo á recuperación deste ámbito, que xa é unha realidade”, e destacou que a actuación permitirá tamén a posta en valor dos restos arqueolóxicos existentes.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, instou á Xunta de Galicia a “axilizar a tramitación urbanística para non perder máis tempo na recuperación do Pazo de Dona Urraca e da súa contorna”. O rexedor subliñou que este paso supón “un avance sen retorno cara á futura rehabilitación dun dos barrios máis emblemáticos do centro histórico, chamado a converterse nun dos grandes reclamos turísticos, urbanísticos, sociais e culturais da cidade”.

Fernández apelou á conselleira á “lealdade institucional e á colaboración entre administracións para conservar o patrimonio lucense”, e asegurou que o Concello, a través da área de Urbanismo, “traballará coa máxima celeridade, dilixencia e eficacia para tramitar os documentos urbanísticos e conceder as licenzas necesarias”.

Lembrou tamén que o convenio entre o Concello e o IGVS asinouse o 2 de setembro de 2024, polo que urxe avanzar nun proceso de rehabilitación “que acumula xa un notable atraso”. Ademais, pediu á Xunta “sensibilidade co patrimonio lucense e axilidade noutros proxectos igualmente relevantes”, como a recuperación da Casa da Torre, situada preto do Pazo e pendente dunha intervención autonómica que poña fin a anos de abandono.

⚙ Configurar cookies
0.07253098487854