O alcalde de Lugo presenta ao Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou ante o Consello Económico e Social o anteproxecto dos Orzamentos Xerais do Concello para o ano 2026, en cumprimento do regulamento deste órgano consultivo no que están representadas entidades sociais, empresariais, sindicais e institucións públicas da cidade. Trátase das primeiras contas elaboradas por Fernández como rexedor e ascenden a un total de 131.946.261,91 euros, o que supón un incremento do 8,94 % respecto ao exercicio anterior e converte estes orzamentos nos máis elevados da historia municipal.
Durante a súa intervención, o alcalde explicou que este aumento responde tanto ao encarecemento dos custos dos servizos como á aposta do Goberno local por impulsar decisións políticas e actuacións estratéxicas que permitan seguir avanzando na transformación da cidade. Nese sentido, destacou que o anteproxecto foi elaborado con máximo rigor técnico e cunha clara orientación social, situando ás persoas, e especialmente ás máis vulnerables, no centro das políticas públicas. “Son unhas contas sociais, progresistas e ambiciosas, que reflicten con claridade as prioridades deste Goberno e o modelo de cidade que queremos seguir construíndo”, sinalou.
Miguel Fernández indicou que os Orzamentos de 2026 dan continuidade a proxectos estratéxicos financiados tanto con recursos propios como con achegas doutras administracións, nun contexto económico marcado pola moderación da inflación e pola recuperación progresiva da actividade. Neste marco, puxo en valor a Estratexia EDIL e o proxecto Novo Norte, chamados a impulsar a transformación da zona norte da cidade, así como outras actuacións relevantes en ámbitos como a mobilidade, a sostibilidade, a vivenda, os servizos públicos e a cohesión territorial.
O rexedor fixo fincapé en que as contas se elaboran desde a responsabilidade e o rigor financeiro, garantindo a estabilidade dos ingresos e a prestación de servizos públicos de calidade nun contexto de crecemento da cidade e de maior demanda de recursos. Así mesmo, lembrou que o Concello conta cunha base tributaria sólida e cunha planificación económica prudente, incorporando ademais as recomendacións técnicas da Intervención municipal para asegurar a sostibilidade futura dos orzamentos.
No capítulo investidor, Fernández subliñou o importante esforzo destinado a proxectos estratéxicos de transformación urbana, á recuperación do patrimonio, como o Cuartel de San Fernando e o futuro Museo da Romanización, á mellora das infraestruturas, ao apoio ao rural e ao reforzo do tecido asociativo. Este impulso complétase co recurso ao crédito unicamente para financiar investimentos e acelerar o desenvolvemento da cidade.
“Son uns orzamentos realistas, pero ambiciosos, que nos permiten aproveitar un momento clave para Lugo e seguir avanzando nun proxecto de cidade pensado para vivir, traballar e desfrutar”, concluíu o alcalde, quen agradeceu as achegas realizadas polo Consello Económico e Social e puxo en valor o papel deste órgano no proceso orzamentario municipal.
O proxecto de Orzamentos para 2026 foi aprobado esta mañá na Xunta de Goberno Local e será elevado ao Pleno municipal para a súa aprobación inicial, dando continuidade á súa tramitación administrativa.