O alcalde de Lugo recibe aos equipos femininos do Emevé e do Ensino antes da Copa da Raíña

As xogadoras, corpos técnicos e parte dos cadros directivos do Club Voleibol Arenal Emevé e do Club Baloncesto Durán Maquinaria Ensino foron recibidos este luns polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández. Ambos equipos compiten ao máis alto nivel nacional, na Liga Iberdrola e na Liga Endesa respectivamente, e tamén participarán na próxima Copa da Raíña, tras clasificarse para esta competición de prestixio.
Miguel Fernández agradeceu o esforzo e dedicación das xogadoras e adestradores e destacou “o papel que xogan, máis aló do aspecto deportivo, nos eidos da igualdade, do impulso do deporte base, e tamén na promoción da propia cidade, desde o punto de vista turístico”. O rexedor tamén sinalou a singularidade de que Lugo conte con dous equipos femininos na máxima categoría e con ambos clasificados para a Copa da Raíña, un feito pouco frecuente para unha cidade deste tamaño.
No ámbito competitivo, Fernández desexou sorte ao equipo de voleibol adestrado por Alberto Chaparro, que comezará a súa participación na Copa da Raíña o 22 de xaneiro fronte ao Avarca Menorca, club anfitrión. Tamén animou ao conxunto de baloncesto de Suso Garrido, que competirá en Tarragona do 26 ao 29 de marzo, e desexoulles sorte no sorteo do cadro, previsto para este mércores.
O alcalde agradeceu tamén o traballo dos presidentes Bibi Bouza, do Emevé, e Manuel Durán, do Ensino, así como o dos corpos técnicos e patrocinadores, subliñando que “contribúen a que a cidade sexa referente no baloncesto e no voleibol feminino ao máis alto nivel nacional”.