O alcalde de Lugo recoñece o labor do persoal de limpeza, reciclaxe, sostibilidade e ornato público

LugoXa
O acto de homenaxe celebrouse no Impulso Verde e serviu para izar a Bandeira Verde que distingue a Lugo como o único municipio galego de máis de 100.000 habitantes en obtela
servizo-limpeza-lugo
30 May 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recoñeceu este venres o labor do persoal do servizo municipal de limpeza, LuceLugo; e o servizo de Parques e Xardíns, durante un acto de homenaxe pola súa contribución decisiva a que a cidade se consolidase como un referente nacional e internacional no ámbito da limpeza, a sostibilidade, a reciclaxe e o ornato público. O acto tivo lugar no edificio Impulso Verde, onde se izou a Bandeira Verde outorgada pola Xunta, que distingue a Lugo como a única cidade galega de máis de 100.000 habitantes en contar con este recoñecemento.

“Estes galardóns son o premio ao esforzo diario dun equipo implicado que fixo de Lugo unha cidade máis limpa, verde e acolledora. Síntome profundamente orgulloso como alcalde e como quen traballou man a man con estes profesionais durante anos na área de Transición Ecolóxica”, sinalou Miguel Fernández, quen remarcou que “esta cidade está chea de exemplos de compromiso coa reciclaxe, a recuperación de espazos naturais ou o coidado dos nosos barrios”. O rexedor subliñou tamén que “a consecución de todos estes galardóns consolidan á nosa cidade na vangarda nacional no coidado dos espazos públicos e as prácticas que fomentan o coidado da contorna”.

Durante a súa intervención, o rexedor repasou os principais recoñecementos ambientais acadados pola cidade nos últimos anos. Esta mesma semana, Lugo foi distinguida con dúas Pajaritas Azules, unha máis que en 2024, no programa que promove a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) para premiar a excelencia na recollida selectiva de papel e cartón e nas boas prácticas de economía circular. Lugo foi, de feito, a única cidade galega en acadar esta dobre distinción nesta edición.

Tamén no ámbito da sostibilidade, Lugo recibiu no pasado ano a Bandeira Verde de Galicia, un selo da Xunta que recoñece o compromiso ambiental dos concellos a través de accións como a renaturalización de espazos, a creación de zonas verdes ou a promoción das enerxías renovables. Lugo é, a día de hoxe, o único municipio galego de máis de 100.000 habitantes que conta con este distintivo.

Outro dos logros destacados é a Escoba de Platino, a máxima distinción que outorga a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (Ategrus) a nivel estatal e iberoamericano. Con ela recoñeceuse a xestión integral do lixo, a limpeza viaria e a posta en marcha de instalacións como o punto limpo municipal.

No eido da innovación, Lugo foi nomeada tamén Cidade da Ciencia e da Innovación polo Ministerio de Ciencia, grazas á súa aposta por proxectos que transforman o territorio desde unha perspectiva sostible, como os bosques urbanos ou a construción do propio edificio Impulso Verde, pioneiro en eficiencia enerxética e uso de madeira galega certificada.

Ademais, o alcalde puxo en valor o Premio Progreso, recibido recentemente en Córdoba, que outorga a Federación Andaluza de Municipios e Provincias a aquelas cidades que logran mellorar de forma real a calidade de vida da veciñanza e impulsar modelos de desenvolvemento sostible, inclusivo e equitativo. “Non é algo que digamos nós. Son premios que avalan obxectivamente un modelo de cidade máis sostible, humana e concienciada”, apuntou Miguel Fernández.

O rexedor quixo destacar especialmente “o traballo técnico e humano que hai detrás de cada logro: campañas de sensibilización, moitas horas de traballo e un equipo entregado que merece hoxe, máis que nunca, todo o noso recoñecemento”.

Finalmente, Miguel Fernández apelou ao orgullo colectivo por unha cidade que “vai por diante no respecto polo medio, pola calidade de vida e pola implicación cidadá no coidado dos espazos comúns. Estes premios son tamén da veciñanza, e animan a seguir avanzando con paso firme no camiño da sostibilidade”.

⚙ Configurar cookies
0.11037111282349