O alcalde de Lugo sostén que se está estudando como comunicar a zona residencial coa parte industrial das Gándaras

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo o seu primeiro encontro coa directiva da Asociación de Veciños Gatos Roxos para abordar as principais necesidades para a zona de As Gándaras.
Miguel Fernández comprometeuse a acometer de xeito inmediato a limpeza integral do barrio, unha das principais necesidades trasladadas desde este colectivo ao rexedor, quen sinalou que “dentro da programación habitual do servizo de limpeza municipal, se procederá a esta intervención integral”.
Así mesmo, o rexedor e o presidente do colectivo veciñal abordaron fórmulas para mellorar a seguridade viaria e do tráfico peonil na zona. Deste xeito, valorouse a construción dunha beirarrúa en Virxe da Solidade, desde a Calzada das Gándaras ata o colexio, co obxectivo de mellorar a seguridade.
Así, Miguel Fernández explicou que se está a estudiar a posibilidade de expropiar unha parcela para despois avanzar na creación da beirarrúa.
Ademais, Fernández infomou ao representante veciñal de que o Goberno local está a traballar co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para atopar fórmulas que permitan comunicar de xeito seguro a zona residencial do barrio coa parte máis comercial e industrial formada polo polígono e que agora se atopa separada polo trazado da Rolda Norte.