O alcalde de Outeiro de Rei xustifica no Pleno o cobro de taxas coa normativa de biomasa

LugoXa | TerraChaXa
Contestaba así a unha moción que o BNG presentaba por segunda vez. Tamén foi rexeitada a do PSOE para facer un PXOM
pleno-outeiro-de-rei
28 Feb 2025

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, rexeitou no último pleno municipal, celebrado este xoves, a moción presentada polo BNG, na que se acusaba de recadar "indebidamente" taxas de 100 euros aos veciños que recibían comunicacións instándoos a limpar as súas parcelas ou cortar plantacións.

O rexedor explicou que este cobro responde á Lei de Prevención de Incendios Forestais, aprobada en 2007 polo bipartito da Xunta, e á ordenanza municipal aprobada por unanimidade nos plenos. Segundo Pardo, a responsabilidade da xestión da biomasa recae nos propietarios dos terreos, e en caso de incumprimento, a administración competente pode enviar unha notificación recordando a obriga de limpeza. Se tras 15 días non se realizan os traballos, ábrese un expediente cunha taxa de 100 euros.

Defendeu o alcalde a súa xestión asegurando que o equipo de goberno realizou un envío de planos a todas as parroquias de Outeiro de Rei con todas as afectacións das parcelas de cada individuo para que esas persoas tiveran a información necesaria de se a parcela estaba situada en nunha zona afectada ou non.

O alcalde advertiu tamén que, de persistir o incumprimento, poden aplicarse sancións coercitivas cada tres meses, alcanzando ata os 900 euros por hectárea sen limpar. Esta era a segunda vez que o BNG presentaba esta moción.

No mesmo pleno, aprobouse unha iniciativa do PP para trasladar ao Ministerio de Sanidade a preocupación polo déficit de médicos de Atención Primaria. O BNG, pola súa parte, solicitou nomear rúas en honra a Aurelio e Victorino Díaz, loitadores contra o franquismo e o nazismo.

No pleno tamén foi rexeitada unha moción do PSOE na que se defendeu a necesidade de iniciar os trámites para a elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), "unha ferramenta clave para garantir un crecemento equilibrado, sostible e planificado do concello".

A voceira socialista, Mª del Carmen Acacio López, subliñou que Outeiro de Rei segue rexéndose por unhas normas subsidiarias "obsoletas", o que xera problemas como crecemento desordenado, carencias en infraestruturas e inseguridade xurídica. “O PXOM non é unha opción, é unha necesidade urxente para que Outeiro de Rei planifique o seu futuro con criterio e responsabilidade”, destacou.

A proposta incluía medidas concretas, como a creación dunha comisión técnica participativa, a asignación de recursos municipais para a súa redacción e mecanismos de participación cidadá. Finalmente, a moción foi rexeitada con 9 votos en contra e 3 a favor, polo que o goberno local opta por manter a situación urbanística actual. “Rexeitar esta proposta significa condenar Outeiro de Rei ao atraso e á improvisación urbanística. O goberno local demostra unha vez máis a súa falta de visión e compromiso cun desenvolvemento ordenado e sostible”, denunciou Acacio López.

A pesar deste resultado, o Grupo Socialista reafirma o seu compromiso cun urbanismo responsable e seguirá traballando para que Outeiro de Rei conte cunha planificación adaptada ás necesidades da súa veciñanza e do seu entorno.

⚙ Configurar cookies
0.1735668182373