O alcalde de Palas de Rei anuncia na súa investidura unha inversión privada de 28 millóns
O Concello de Palas de Rei inicia a lexislatura 2023-2027 con máis de 28 millóns de euros comprometidos de inversión privada. Así o anunciou o seu alcalde, Pablo Taboada, que recibiu o seu bastón de mando nunha votación con ampla maioría.
Taboada salienta o proxecto de Bioflytech, con 22 millóns de euros de inversión privada e unha capacidade de xerar 50 postos de emprego directos e 75 indirectos, "que será unha das grandes apostas do equipo de goberno para dinamizar a economía no medio rural e situará a Palas de Rei no liderado na produción mundial de proteína e graxa para a fabricación de piensos de alimentación animal".
Suma a este o proxecto do operador aduaneiro autorizado que promove o grupo Jim Sports, no parque empresarial palense, "que centrarán os primeiros meses de goberno nesta lexislatura”.
O alcalde palense destacou, ademais, que é “básico o asentamento destes proxectos estratéxicos e innovadores para xerar riqueza no medio rural, que suporán unha importante revitalización do texido industrial e a conseguinte dinamización e transformación da economía en Palas de Rei. Ambos, son un empurrón necesario para xeración de novos postos de emprego de calidade e cualificados no rural”.