O alcalde de Viana do Castelo visita Lugo para reforzar o irmanamento entre ambas cidades

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu a visita oficial do seu homólogo de Viana do Castelo, Luís Nobre, na primeira reunión institucional entre ambos desde que o rexedor lucense asumiu o cargo. A visita supón a devolución da que Fernández realizou á cidade portuguesa o pasado mes de setembro, co obxectivo de revitalizar o irmanamento que une a ambas localidades desde 1990.
Antes de visitar a Praza de Pío XII, onde conflúen os tres patrimonios da humanidade da cidade, os dous mandatarios percorreron algunhas das novas zonas peonís do centro de Lugo, que o alcalde definiu como parte “dese proxecto común de cidades abertas, sostibles, verdes e deseñadas para vivir comodamente”.
Tanto Fernández como Nobre coincidiron en destacar as máis de tres décadas de cooperación entre Lugo e Viana do Castelo, e expresaron a súa vontade de impulsar novas iniciativas conxuntas que contribúan á promoción das dúas urbes. De maneira especial, puxeron o foco en accións orientadas á posta en valor do patrimonio histórico e artístico como motor de desenvolvemento e como ferramenta para construír o futuro.
A Muralla de Lugo, que celebrará en poucos días o 25 aniversario da súa declaración como Ben Mundial, tivo un protagonismo especial durante a visita. Como mostra do simbolismo desta efeméride, Miguel Fernández entregoulle ao alcalde portugués o libro “A Muralla de Lugo. Patrimonio da Humanidade”, obra de Adolfo de Abel Vilela, Enrique Alcorta, Felipe Arias, Covadonga Carreño e Ignacio López de Rego.
O alcalde de Lugo destacou tamén os proxectos e estratexias compartidas entre ambas cidades, “pero sobre todo unha unión que vén de hai máis de tres décadas, cando Lugo e Viana do Castelo decidiron irmanarse”. Fernández expresou o seu desexo de que este encontro “sirva para revitalizar o noso compromiso común e elevar a colaboración a un novo nivel de excelencia, apostando pola cultura e pola historia como vías para construír un futuro cheo de posibilidades, coñecemento e oportunidades para as novas xeracións”.