O alcalde Friol visita o centro de día con motivo da celebración do Nadal

Durante estes días tan sinalados tivo lugar unha visita moi especial do alcalde de Friol, José Ángel Santos, ao Centro de Día da localidade, nun encontro que permitiu compartir tempo cos seus usuarios e poñer en valor a importancia de parar, escoitar e "lembrar a aquelas persoas ás que tanto lles debemos como sociedade", dixo.
"A visita serviu para reivindicar o papel fundamental das persoas maiores, destacando a súa experiencia, os valores que representan e todo o coñecemento e aprendizaxes que transmitiron ao longo da súa vida. Un legado que continúa a ser clave para entender o presente e construír o futuro da comunidade", engadiu Santos.
Como mostra de afecto e recoñecemento, tamén se tivo un pequeno detalle cos usuarios do centro, un xesto simbólico de agradecemento polo seu exemplo e pola achega constante que realizan. Unha iniciativa coa que se quixo expresar que calquera mostra de cariño resulta sempre insuficiente ante todo o que as persoas maiores achegan á sociedade.