O alcalde impulsa melloras nos polígonos das Gándaras e O Ceao nunha reunión con empresarios

LugoXa
Comprometeuse a actuar de xeito urxente na retirada de escombros e na reposición de tapas de sumidoiros en distintos puntos de ambos parques
reunion-Empresarios-Ceao-As-Gandaras-2
21 Apr 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación de Empresarios de O Ceao As Gándaras, para abordar novas melloras en ambos parques empresariais e facer balance das últimas melloras acometidas desde o Goberno Local, como foi a colocación de cámaras de control para mellorar a seguridade e o tráfico nestas dúas áreas industriais ou o inicio das obras da última fase do desdobramento da avenida Infanta Elena. Miguel Fernández tomou nota das demandas dos representantes deste colectivo, entre elas a necesidade dun espazo multiusos que funcione como punto de formación para o desenvolvemento de cursos das empresas que integran a citada asociación e que operan nos polígonos das Gándaras e O Ceao.

Neste sentido, o rexedor municipal trasladoulles a disposición do Concello para colaborar na procura dunha parcela que albergue ese futuro espacio multiusos, que os empresarios deste colectivo queren destinar a punto de formación, para que as empresas poidan realizar cursos e xornadas formativas coas que paliar a falta de profesionais á que se enfrontan en determinados sectores.

No transcurso da reunión que o propio alcalde definiu como “moi cordial e beneficiosa para coñecer de primeira man as demandas reais e máis urxentes deste colectivo”, Miguel Fernández amosou o seu compromiso de seguir pedindo á Xunta de Galicia a construción desa escola infantil que dea resposta á conciliación das e dos traballadores de ambos parques empresariais.

Neste sentido, o alcalde lembrou que nun dos seus primeiros compromisos como rexedor xunto á responsable de Economía e Industria do Goberno Autonómico, xa trasladou a necesidade de construír esta gardería, unha vez que a Xunta xa se comprometeu a cumprir cunha das antigas reivindicacións do Concello de Lugo e dos propios empresarios como é o enlace do parque empresarial das Gándaras coa A-6 a través da Campiña.

Precisamente, sobre este asunto que afecta directamente á mellora da conectividade, o alcalde manifestou que “desde o Goberno Local estaremos moi pendentes para que a Xunta de Galicia cumpra este compromiso o antes posible. O enlace coa N-VI a través da campiña é urxente, porque redundará nunha maior competitividade das nosas empresas, o que a súa vez repercutirá nunha cidade con máis oportunidades de crecemento e de futuro”.

Na reunión celebrada na sede da citada asociación, no polígono do Ceao, o alcalde se comprometeu a actuar de xeito urxente nalgunhas das necesidades apuntadas esta mañá como a retirada de escombros en determinados puntos destes parques e na reposición de tapas de sumidoiros, ademais de garantir a colaboración institucional para a celebración da vindeira edición da feira Emprega-T Fest, que busca unir talento mozo con novas oportunidades de emprego na cidade de Lugo. Ademais, ambas partes acordaron a celebración trimestral de reunións a dúas bandas nas que facer balance das actuacións acometidas e para dar traslado a novas demandas e vías de colaboración.

Por outra banda, Miguel Fernández reafirmou a intención de materializar un plan de acción de mellora de infraestruturas, onde se contempla a mellora de sinalizacións nos polígonos, o acondicionamento de rotondas e estudar a ampliación de zonas de estacionamento, entre outros aspectos.

Para o rexedor lucense “proba do compromiso coa mellora do sector empresarial foi a instalación de cámaras para un maior control da zona industrial, na avenida de Benigno Rivera, na súa confluencia con Infanta Elena; nas inmediacións de rúa Agricultura e na rúa das Comunicacións na contorna da rúa dos Carros, para captar o tránsito de vehículos entre ambos polígonos e mellorar a seguridade no enlace coas vías de comunicación próximas”.

As cámaras instaladas contan cun sistema de alarma antisabotaxe que detecta posibles intrusións non autorizadas. O equipamento está conectado cunha central receptora de alarmas e intégrase no software de xestión da Policía Local de Lugo, para que as incidencias tamén poidan ser atendidas por efectivos policiais, que reciben información de cada incidencia de xeito inmediato para poder ofrecer unha resposta rápida á mesma.

Por último, Miguel Fernández, explicou aos empresarios de ambos polígonos o firme compromiso do Goberno Local para reforzar os servizos desta zona estratéxica do municipio. “Os polígonos das Gándaras e O Ceao son un dos principais centros de desenvolvemento económico na capital, polo que estamos decididos a atender as súas demandas, convencidos de que o avance do tecido empresarial contribuirá ao desenvolvemento empresarial e económico da cidade, favorecendo a súa competitividade”.

⚙ Configurar cookies
0.17026495933533