O alcalde supervisa as obras de mellora viaria na parroquia de Meilán

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, supervisou esta semana as obras de mellora viaria que se están a levar a cabo en varios núcleos da parroquia de Meilán.
Estas actuacións, executadas tanto con recursos propios do Concello como con cargo ao Plan Deputación 2024, teñen como obxectivo reforzar a conectividade e os servizos municipais nas zonas rurais do municipio.
Os traballos están a desenvolverse nos núcleos de Rubiana, Castro, Guntín e Vilar, e comprenden canalizacións de augas, limpeza de cunetas, instalación de novos tubos e renovación do asfaltado. No caso concreto do núcleo de Guntín, estase a intervir en varias vías dende a N-VI ata a LU-2902, onde se renovou por completo o firme.
O Plan Deputación 2024 destinou máis de 117.000 euros para esta parroquia, permitindo levar a cabo actuacións clave para a mellora da infraestrutura viaria. A brigada rural do Concello tamén colaborou activamente nos traballos.
Miguel Fernández amosou a súa satisfacción polo avance das obras e salientou que “con estas actuacións damos resposta ás demandas veciñais para mellorar as infraestruturas do rural, contribuíndo a mellorar as comunicacións, que son fundamentais para o desenvolvemento, a garantía de servizos, a dinamización económica e a fixación de poboación no entorno rural”.
Pola súa banda, a edil Ana González Abelleira subliñou a importancia destas intervencións para mellorar a accesibilidade aos distintos núcleos rurais: “Empregamos materiais de calidade para asegurar a durabilidade das obras, que tamén contribuirán a mellorar a capacidade de drenaxe e a evitar problemas derivados da acumulación de auga nas vías”.
O Goberno local reafirma así o seu compromiso co benestar das veciñas e veciños do rural, impulsando unha rede viaria máis segura, funcional e adaptada ás necesidades destas zonas.