O alcalde valora con empresarios a posibilidade de facer un espazo multiusos nas Gándaras

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha nova reunión de traballo coa Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras, dentro do calendario trimestral de encontros acordado co colectivo para facer seguimento das actuacións impulsadas polo Goberno local e avanzar nas novas demandas do tecido produtivo.
Durante a reunión, que tivo lugar na sede da asociación, Miguel Fernández respondeu á proposta formulada polo colectivo empresarial poñendo a súa disposición varias parcelas municipais situadas en As Gándaras, para que poidan valorar a súa viabilidade urbanística co obxectivo de acoller un espazo multiusos destinado á formación, conciliación e servizos compartidos. Segundo trasladaron os empresarios, o proxecto aspira a integrar unha gardería, ludoteca, aulas de formación, salón de actos, sala de reunións, cafetería e oficinas da propia entidade.
“Facilitamos terreos e colaboración para facer realidade este espazo estratéxico, que reforzará a capacidade formativa, a conciliación e os servizos que demandan as nosas empresas”, sinalou o rexedor, quen subliñou que o desenvolvemento desta infraestrutura permitiría dar resposta directa á carencia de espazos polivalentes nos propios polígonos.
No marco da xuntanza, o alcalde e os empresarios tamén fixeron balance de actuacións en marcha. Miguel Fernández confirmou que xa se están retirando vertedoiros incontrolados detectados nos polígonos e que se deu orde aos servizos municipais para manter unha vixilancia continua neste ámbito. Así mesmo, revisáronse os traballos realizados nas últimas semanas en materia de reposición de tapas de sumidoiros e detectáronse novos puntos nos que intervir de inmediato.
No tocante á mobilidade interna e aparcamentos, avaliouse a viabilidade de novas zonas de estacionamento e os pasos a seguir para a súa execución. O alcalde compartiu ademais os avances en materia de mellora de infraestruturas viarias, entre as que se inclúe a obra de pavimentación de beirarrúas no polígono do Ceao, aprobada na última Xunta de Goberno Local cun orzamento superior aos 110.000 euros.
En materia de seguridade, Miguel Fernández destacou o bo funcionamento do sistema de videovixilancia implantado nas principais vías de ambos polígonos, que “xa contribuíu a esclarecer incidentes de tráfico e mesmo se empregou en labores de busca de vehículos”. Tamén informou do seguimento das conversas coas asociacións de transportistas Tradime e Aetram para impulsar un aparcadoiro vixiado para camións no entorno de As Gándaras, unha infraestrutura considerada prioritaria polo sector.
A nivel autonómico, o alcalde explicou que o Goberno local segue a liderar as xestións para que a Xunta cumpra co compromiso de executar un novo acceso desde a Campiña ao polígono de As Gándaras, unha vella demanda do tecido empresarial. Nese sentido, comentoulles que trasladou esta necesidade directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na última reunión que mantiveron o pasado 1 de xullo. “Detectamos certa receptividade, pero non imos afrouxar: é urxente planificar e executar este vial que pode mellorar de forma decisiva a competitividade da nosa área industrial”, apuntou.
Por último, Miguel Fernández confirmou a súa asistencia aos próximos eventos organizados pola asociación, e acordouse a celebración dunha nova reunión de seguimento a finais de outubro. “Temos claro que os polígonos son clave para o futuro económico da cidade, e este diálogo constante permítenos avanzar con realismo e eficacia”, concluíu o alcalde.