O Alpha Wolf Pack logra 17 medallas na Galicia Cup de Jiu Jitsu celebrada en Sada

O pasado 11 de abril celebrouse en Sada a Galicia Cup da FIJJD, correspondente ao Campionato Galego de Jiu Jitsu Brasileiro, unha cita que reuniu a máis de 500 atletas e que contou cun pavillón cheo de público.
O equipo lugués Alpha Wolf Pack, capitaneado por Krön Castaño, acadou un destacado resultado ao conseguir un total de 17 medallas: 11 de ouro, 5 de prata e 1 de bronce, consolidando así a súa presenza entre os conxuntos máis competitivos do campionato.
Entre os resultados máis salientables figuran os dous ouros conseguidos por Pablo Pérez, tanto en modalidade con kimono como sen el, así como os de Luis Felipe Dos Santos, que repetiu dobre triunfo nas mesmas categorías. Mark Flores, Valeria Flores, Joel Caballero, Samuel Fernández e Daniel Flores lograron cadanseu ouro con kimono.
Pola súa banda, Borja Fernández acadou ouro con kimono e prata sen kimono, mentres que Marcos Arango sumou un ouro sen kimono. Xue Corujo obtivo dúas pratas, unha con kimono e outra sen el, e Mario Corujo conseguiu prata con kimono e bronce sen kimono. Nacho Ascariz completou o medalleiro cunha prata sen kimono.
Pablo Vilarín e Pablo Canoura, malia realizar boas loitas, non lograron subir ao podio nesta ocasión.
Tras este éxito, o equipo xa ten a vista posta na súa próxima cita, o Campionato de España que se celebrará en Madrid.