O alumnado de Albeiros achégase á historia do fanzine co programa IlustrarNÓS
A deputada de Cultura Iria Castro, xunto á concelleira de Cultura do concello de Lugo Maite Ferreiro, acompañou ao estudantado do CEIP Albeiros, da capital da provincia, na súa participación no programa IlustrarNÓS da Vicepresidencia da Deputación. A área de Cultura impulsa un ano máis esta iniciativa que achega a ilustración aos centros escolares de primaria e secundaria da provincia a través do fanzine.
Ademais este proxecto fomenta a creatividade e achega ás xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos neste eido. Arredor de 200 os alumnas e alumnos de 8 centros da provincia participaron esta anualidade no programa, que rematou este luns tras achegarse ao CEIP Terra Chá, de Vilalba; CPI Dr. López Suárez, de Friol; CPI de Castroverde, CEIP Santa María, da Fonsagrada; CEIP Concepción López Rey, de Baleira; CEIP Virxe da Luz, de Portomarín, CPI de Cervantes e o centro lucense.
A deputada de Cultura destacou o valor educativo que ”tras varias edicións segue espertando gran interese no alumnado, polo que o noso obxectivo e que continúe medrando e que achegue os coñecementos artísticos da ilustración a través das súas diferentes perspectivas”.
7H Corporativa Cultural foi a encargada de dar esta formación na que explicou ao alumnado o proceso de creación desta arte, desde a concepción da idea ata a súa concreción, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero. Tras unha primeira toma de contacto co fanzine, os alumnos e as alumnas póñense na pel dos ilustradores e elaboran o seu propio traballo.
Certame escolar de ilustración
Ata o 6 de maio o estudantado de centros públicos da provincia pode participar na III edición do Certame Escolar de Ilustración, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco do programa IlustrarNÓS, que pretende fomentar a creatividade e contribuír ao coñecemento das artes e artistas gráficos entre as xeracións máis novas. A convocatoria diríxese a alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos, que deberán realizar ilustracións arredor da temática “festa”, representando gráficamente vivencias, reflexións ou emocións relacionadas con celebracións e conmemoracións.
A participación no certame articúlase a través dos centros educativos que xa dispoñen das bases e fichas de inscrición. Na última edición se presentaron ao certame máis de 250 traballos, "confirmando que se trata dunha iniciativa que permite traballar a expresión artística nas aulas e achegar ao alumnado a artistas referenciais neste ámbito como o propio Chichi Campos”, asegurou Iria Castro.
Os traballos deben remitirse ao enderezo certame.ilustrarnos@gmail.com, a través dos centros educativos. Un xurado composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, da edición, da ilustración e da docencia valorará as obras, tendo en conta aspectos como a relación da ilustración co tema proposto, a orixinalidade e creatividade na interpretación do tema ou a técnica e composición. As autoras e autores das mellores ilustracións de cada categoría recibirán como como premio unha tablet con aplicacións de deseño gráfico e unha colección de libros ilustrados.