O alumnado de Nadela recibiu o Premio do Xurado no certame 'Cantamos coa Mans'

LugoXa
O concurso, que se celebra coincidindo coa conmemoración do Día Nacional das Linguas de Signos, o 14 de xuño, busca poñer en valor a lingua de signos
Visita-CEIP-Nadela-Concello-de-Lugo
5 May 2025

O alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe de Nadela, recoñecido co Premio do Xurado na VIII edición do certame 'Cantamos coa Mans', promovido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), foi recibido na Casa do Concello de Lugo.

O concurso, que se celebra coincidindo coa conmemoración do Día Nacional das Linguas de Signos, o 14 de xuño, busca poñer en valor a lingua de signos como ferramenta de inclusión no ámbito educativo, ao tempo que promove o uso do galego nas cancións interpretadas de forma signada.

Durante a visita, Rubén Arroxo felicitou ao alumnado polo seu compromiso coa diversidade e a igualdade de oportunidades, destacando que “proxectos como este son exemplo do tipo de educación que queremos para Lugo: inclusiva, participativa e feita desde o respecto”.

Pola súa parte, Iria Buide sinalou que “é un orgullo para o Concello acoller a un centro que traballa pola inclusión real e que destaca nun certame tan significativo para a normalización da lingua de signos”.

A peza coa que o CEIP de Nadela acadou o premio foi elixida entre máis de vinte propostas de centros educativos de toda Galicia, nun certame que nesta edición incorporou por vez primeira unha actuación en directo con interpretación en lingua de signos e galego.

Este mércores 7 de maio, o alumnado e profesorado do CEIP de Nadela, acompañados da concelleira de Educación, desprazarase a Santiago de Compostela para participar no acto oficial de entrega de premios, onde recibirán o galardón e compartirán a súa experiencia cos outros centros participantes.

⚙ Configurar cookies
0.16768002510071