O alumnado de primeiro de Produción da Deputación de Lugo organiza un 'escape room'
O Centro de Formación Audiovisual da Deputación acollerá este luns unha escape room contra a violencia machista organizada polo alumnado de primeiro de Produción con motivo do 25N.
A actividade, titulada 'Axúdame, por favor', será gratuíta e estará aberta ao público e haberá dez sesións, cada una con seis prazas dispoñibles, que comezarán ás 9.15 horas e rematarán ás 13.45 horas.
O alumnado da escola puxo en práctica este xogo, no que os participantes, pechados nunha habitación, deben ir resolvendo diferentes probas para avanzar na historia e terminala satisfactoriamente. Tratouse dun último ensaio para que todo estea listo este luns.
Esta escape room conta a historia de Clara, unha muller atrapada nunha relación abusiva, tanto a nivel emocional como físico. Durante os últimos meses, Clara intenta, en secreto, comunicarse cos seus amigos e familiares, deixando pequenas pistas coa esperanza de que alguén entenda a súa situación e poda axudala. A partir deste argumento, os participantes tentarán atopar todos os indicios da violencia de xénero que está vivindo Clara, para así poder axudala a través dos diferentes mecanismos que a cidadanía ten ao seu alcance na loita contra as violencias machistas.
O alumnado de primeiro do Ciclo de Produción é o encargado de organizar esta actividade, dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Tanto a idea do escape room, como a súa organización e execución é un traballo deste grupo de alumnas e alumnos que, deste xeito, realizan a súa primeira práctica nun escenario real.
Este tipo de formación é un dos sinais de identidade do modelo educativo que impulsa a Deputación, dentro da súa aposta por un ensino gratuíto e de calidade.