O alumnado do CEIP A Ponte de Lugo recibe os seus carnés de ciberexperto
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, fixo entrega no Ceip A Ponte de 30 carnés de ciberexperto a alumnado de 6º de primaria dentro do Plan Director da Policía Nacional. Este programa para a convivencia e mellora da seguridade nos centros de ensino xa leva realizadas máis de 400 accións formativas nos distintos colexios e institutos de Lugo ao longo dos últimos dous cursos.
A subdelegada referenciou o gran traballo que desenvolve o corpo cos escolares, impartindo charlas “de asuntos moi importantes tanto para a súa seguridade como para fomentar o bo trato entre eles”, baseadas principalmente no acoso escolar e ciberacoso, delitos de odio, internet e novas tecnoloxías, drogas, violencia de xénero e igualdade, e protección da natureza e prevención de incendios.
“Temos que redobrar esforzos na prevención de delitos entre os menores, así como darlles ferramentas a través de formación e información para que coñezan o funcionamento dos corpos e forzas de seguridade e se mellore a convivencia de toda a sociedade, sabendo que ante calquera problema ou conflito poden contar cos seus servizos”, afirmou a subdelegada. Desde a posta en marcha do programa no ano 2022, entre as accións formativas desenvolvidas para a comunidade educativa destacan as charlas que atinxen á ciberseguridade, acoso escolar, adicións e violencia de xénero.