O alumnado do CEIP As Gándaras desfruta de actividades de xadrez

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, en colaboración coa asociación cultural Xaquedrum, continúa co ciclo de promoción do xadrez nas aulas dos centros educativos de Lugo. A concelleira de Educación, Iria Buide, visitou o CEIP As Gándaras, onde as alumnas e alumnos de 6º de Infantil e 1º e 2º de Primaria gozaron dunha xornada de actividades centradas neste xogo milenario.
Buide destacou que esta iniciativa permite “espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando tamén ás familias as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa”. O programa, que se desenvolverá durante o curso escolar, inclúe tres sesións lectivas de aprendizaxe con monitor especializado, ademais da entrega dun caderno de actividades adaptado a cada nivel educativo.
Nos cursos de educación infantil, as crianzas aprenderán os movementos básicos das pezas a través de exercicios prácticos como colorear, repasar trazos, unir frechas ou completar puntos. Pola súa parte, o alumnado de Primaria afondará na aprendizaxe mediante xogos de lóxica e observación, como labirintos, descifrado de mensaxes ou actividades para atopar diferenzas.
A edil subliñou “o grande interese que está a xerar o xadrez entre a poboación” e engadiu que “a súa práctica é un magnífico instrumento para desenvolver a axilidade mental e diversas habilidades sociais, como a concentración, a capacidade de síntese e a toma de decisións, ademais de favorecer a memoria, o cálculo e a creatividade”.