O alumnado do CEIP de Nadela desfrutou de actividades relacionadas co xadrez

LugoXa
A concelleira de Lugo, Maite Ferreiro, destacou que estas actividades permiten "espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias as vantaxes que a súa práctica representa"
alumnado-CEIP-Nadela-xogando-ao-xadrez
18 Nov 2024

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo e a asociación cultural Xaquedrum continúan co ciclo de promoción do xadrez nas aulas.

A edil Maite Ferreiro visitou o CEIP de Nadela, onde as e os estudantes de 6º de Infantil e 1º e 2º de Primaria puideron desfrutar dunha serie de actividades relacionadas co xadrez.

A concelleira, Maite Ferreiro destacou que estas actividades permiten "espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa".

A programación do ciclo pretende achegar o xadrez ás e aos escolares lucenses e o programa lévase a cabo no horario lectivo, dirixido especialmente aos alumnos de Primaria.

Todos os centros públicos da cidade están participando nas actividades, o que fai que máis de 1.000 nenas e nenos estén a aprender xadrez no seu centro de ensino.

A metodoloxía dos cursos é participativa, onde o alumno vai aprendendo, xogando e vendo os resultados da súa aprendizaxe.  As sesións comezan cunha breve explicación e as e os estudantes poñen en práctica os coñecementos achegados, xogando diferentes posicións cos seus compañeiros.

Maite Ferreiro destacou "o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación", e engadiu "a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade".

0.1350998878479