O alumnado do colexio de Friol visitou o Carballo de Cerracín, un dos máis antigos de España

LugoXa | TerraChaXa
Os escolares de Friol achegáronse tamén ao Dolmen da Santa Marta e o eucalipto de Sobrado
alumnado-Friol-Carballo-de-Cerracín
17 Feb 2026

Os nenos e nenas do CPI Dr. López Suárez de Friol participaron nunha saída didáctica para coñecer de preto o Carballo de Cerracín, situado na parroquia friolesa de Vilalbite. Este exemplar está considerado un dos dous carballos máis antigos e de maior porte de España e figura entre os dez máis destacados de Europa polas súas dimensións e antigüidade.

O vello carballo converteuse ademais nun reclamo literario nos últimos meses ao ser un dos elementos centrais da novela 'El verano que volvió Sherezade', publicada por Editorial Fanes e asinada polo escritor friolés Jordi Cicely. A repercusión da obra fixo medrar de maneira notable o interese por esta árbore senlleira, atraendo a un número crecente de visitantes que se achegan ata Vilalbite para contemplala.

Durante a visita, o alumnado estivo acompañado polo director do centro, Felipe Barata, así como por varios docentes. Tamén participaron o divulgador Brais Rodríguez Romero e os escritores locais Xerdardo Quintiá e o propio Jordi Cicely, que compartiron co alumnado diferentes relatos e curiosidades arredor do histórico exemplar, ao tempo que lles trasladaron a importancia de coidalo e protexelo como parte esencial do patrimonio natural de Friol. Antes de finalizar la visita, os nenos e nenas rodearon a árbore, facendo un corro collidos das mans.

Na mesma xornada, os escolares completaron a actividade cunha visita ao Dolmen da Santa Marta, outro dos enclaves patrimoniais do municipio, reforzando así o coñecemento do legado histórico e natural da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.080287933349609