O alumnado do colexio de Guntín participou na primeira mentoría do EduReferentes

LugoXa
El alumnado del CPI Tino Gradío de Guntín participó en la primera sesión de mentoría del programa EduReferentes.
GuntinrgereyEdureferentes
6 Apr 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na primeira das cinco sesións de mentoría que impartirá a un grupo de cinco estudantes do CPI Tino Grandío de Guntín no marco do programa EduReferentes, promovido pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a asociación Executivas de Galicia.

O obxectivo desta iniciativa é achegar ao alumnado galego información e acompañamento para facilitar o seu coñecemento sobre o mundo laboral desde unha perspectiva de xénero. Para iso, estanse a realizar conferencias e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades e competencias persoais e laborais do alumnado coa colaboración de mulleres galegas, referentes en distintos ámbitos profesionais, como neste caso, Patricia Argerey no eido da xestión pública da innovación.

Ao longo das cinco sesións, Patricia Argerey axudaralles a identificar as súas capacidades e perfís profesionais a futuro, orientándoos sobre a demanda do mercado. Neste contexto, a directora da Axencia Galega de Innovación achegou as oportunidades laborais que ofrece o ecosistema galego de innovación e a necesidade de talento para seguir avanzando cara a unha economía mais baseada no coñecemento. Argerey aproveitou para fomentar entre o alumnado a elección de carreiras científico-tecnolóxicas para atender a esta demanda de profesionais no ámbito da innovación en Galicia, especialmente entre as mozas.

Neste sentido, a directora de Gain apuntou que a tecnoloxía e a innovación son ámbitos profesionais onde a presenza de homes é superior á de mulleres, a pesar de que o nivel educativo destas é lixeiramente superior, e as mulleres chegan menos aos postos de dirección, segundo un estudo recente sobre muller, ciencia e innovaciónn e convidou ás mozas a aparcar os prexuízos e facer aquilo que realmente desexan acadar.

A Axencia Galega de Innovación conta con varios programas dirixidos a fomentar as vocacións científicas entre a infancia e a mocidade como Voando alto, sumando vocacións, no ámbito do sector aeroespacial, ou o programa D'tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais, ademais de colaborar en actividades de divulgación científica con, entre outras entidades, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en actividades como Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, a feira Galiciencia e as Aulas Tecnópole.

0.16719102859497