O alumnado do colexio Maristas participa no concurso de cálculo mental 'Tour das Mates'

LugoXa
A competición consta de cinco etapas, nas que cada participante recibe un folio con 120 operacións matemáticas que deben resolver nun tempo máximo de 5 minutos
Tour-de-Mates-Maristas
27 Jan 2025

O colexio CPR A Inmaculada Maristas de Lugo participa, por segunda vez consecutiva, no concurso de cálculo mental Tour das Mates, unha competición que combina aprendizaxe, diversión e superación persoal.

Neste caso, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria representan a Galicia como único colexio nesta categoría a nivel autonómico.

O Tour das Mates simula o famoso Tour de Francia, pero nesta ocasión, as etapas convértense en retos semanais de cálculo mental. A competición consta de cinco etapas, nas que cada participante recibe un folio con 120 operacións matemáticas que deben resolver nun tempo máximo de 5 minutos, seguindo unha consigna específica cada semana.

Ao rematar, os resultados recompílanse e, durante a fin de semana, a organización publica as clasificacións, abertas ao público, onde se pode consultar tanto o rendemento individual de cada alumno como a posición dos equipos, que representan ás diferentes clases participantes.

“Este reto semanal non só fomenta o cálculo mental, senón que tamén motiva aos estudantes a mellorar as súas marcas, desenvolvendo un enfoque positivo cara á aprendizaxe das matemáticas”, explican desde o centro.

Ademais, segundo os profesores responsables do proxecto en Lugo, Cristina Andrea Fernández Rodríguez e Alejandro Rodríguez Díaz, esta iniciativa comezou o ano pasado como unha proba piloto e rapidamente converteuse nunha tradición. "Agora, cada xaneiro está asociado ao inicio do Tour das Mates no noso colexio. É incrible ver como os alumnos se motivan e disfrutan do desafío cada semana", comentaron.

O entusiasmo dos alumnos e o esforzo do profesorado consolidaron ao CPR A Inmaculada Maristas como un exemplo de innovación educativa en Galicia, demostrando que as matemáticas poden ser emocionantes e que o traballo en equipo e a constancia conducen ao éxito.

0.16980504989624