O alumnado do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes simula un pleno no Concello de Lugo
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, recibiu na Casa Consistorial a un grupo de estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Durante a visita, o concelleiro amosou á rapazada o funcionamento da Administración e o papel da veciñanza nela, ademais de ensinar as distintas instalacións da Casa Consistorial, na praza Maior, como o Salón de Plenos ou os conxuntos escultóricos adquiridos polo Concello e expostos permanentemente na sede municipal.
Temas como a mobilidade ou a programación cultural da cidade foron os protagonistas das dúbidas achegadas polas estudantes que realizaron a visita. Penas manifestou a súa satisfacción por recibir esta visita no Concello, e animou aos centros educativos de Lugo a programar visitas á Casa Consistorial.
Unha vez situados no Salón de Plenos, as estudantes organizáronse en diversos grupos e simularon un pequeno pleno onde puideron debater distintas propostas para a mellora da cidade e do seu centro de ensino.