O Ancares Cycling Marathon terá lugar o próximo 7 de agosto
O vindeiro 7 de agosto celebrarase nas estradas da comarca dos Ancares a segunda edición a proba ciclista Ancares Cycling Marathon, organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento, que mestura deporte e natureza, presentouse no auditorio do Vello Cárcere de Lugo, nun acto no que se concretaron os percorridos que completarán os participantes, con paso por estradas dos concellos de Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, que acollerá a saída, en Pedrafita, e a chegada, no alto do Cebreiro.
A organización anunciou tamén a participación na proba do exciclista Miguel Induráin, cinco veces campión do Tour de Francia, que cumprirá así como compromiso adquirido na pasada edición cando un contaxio de Covid-19 impediu que se concretase a súa presenza en Ancares.
O deputado de Deportes Efrén Castro saudou “a segunda edición da Ancares Cycling Marathon, que puxemos en marcha na pasada edición da man do Clube Ciclista Cidade de Lugo, coa intención de consolidar unha gran proba de montaña en Galicia, aproveitando as excepcionais condicións que ofrece a comarca. Afrontamos este segundo ano como o da consolidación e convencidos de acertar nesa aposta por mesturar territorio, turismo e deporte converter a comarca nun destino de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo durante todo o ano”.
Así mesmo agradeceu a colaboración e o compromiso coa proba da Subdelegación do Goberno e dos concellos , que tamén estiveron representados no acto, coa presenza da subdelegada Isabel Rodríguez, do xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil José Miguel Martínez e de Silvia Lucena, responsable de equipos de atestados, así como de José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro, e Benigno Gómez, alcalde de Cervantes.
Tres percorridos para abrir a proba a máis participantes
Fronte aos dous percorridos de 2021, neste segunda edición, a proba ofrecerá tres itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.
Gran Fondo, con 126 km e 3.500m de desnivel positivo. Paso polos altos de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Medio Fondo, 93,8 km e 2.913m de desnivel positivo. Paso polos altos de A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Mini Fondo, de 45 km e 1.200 metros de desnivel positivo. Paso polo alto de Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, que forma parte do comité organizador da proba, sinalou que se mantén o grande atractivo da proba máis dura, o Gran Fondo, cun percorrido que motiva a afeccionados con mellor forma e máis horas de bicicleta, con versións máis asequibles que permitirá que participantes de “todos os niveis de forma e de todas as idades poidan sentir o pracer de cruzar a meta no empedrado do Cebreiro entre os peregrinos”.
Precisamente, na presentación da proba, fíxose fincapé na convivencia entre ciclistas e peregrinos como un das imaxes máis icónicas da edición do ano pasado, que reuníu máis de 500 participantes e que foi seguida a pé de estrada pola veciñanza da comarca.
Os formularios de inscrición están dispoñibles na web
https://www.ancarescyclingmarathon.com.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou o seu apoio na presentación do evento.
Isabel Rodríguez anunciou que “desde a Subdelegación do Goberno daremos todo o noso apoio que estea nas nosas mans para garantir o éxito da proba. Neste sentido, quero agradecer á Garda Civil a súa implicación no feliz desenvolvemento desta e do resto de competicións que se celebran nas estradas da provincia, traballando para que transcurran coa máxima seguridade para corredores e para o público asistente”.
A subdelegada tamén felicitou aos organizadores da carreira, o Clube Cidade de Lugo, e aos patrocinadores da mesma pola iniciativa que se desenvolverá por segundo ano consecutivo e que “axudará a darlle promoción a unha das comarcas máis fermosas da nosa provincia”. Destacou, ademais, que “a espectacularidade do percorrido polas montañas dos Ancares facilitará tamén o éxito da carreira”.