O Anexo do Pazo volve acoller partidos esta fin de semana tralo fin das obras

LugoXa
O baloncesto base volve esta fin de semana ao Anexo tras completarse a renovación do parqué e as melloras no illamento da instalación realizadas durante os últimos meses pola área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
obras instalacion parque anexo
18 Xan 2024

O baloncesto base volve esta fin de semana ao Anexo tras completarse a renovación do parqué e as melloras no illamento da instalación realizadas durante os últimos meses pola área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O recinto deportivo dispón agora dunha nova superficie de xogo, cun material que conta coa máxima certificación da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) na categoría de pavimentos de madeira de competición e que supuxo un investimento de 320.000 euros.

Ademais, creáronse sistemas de dobre porta nas dúas entradas do recinto para evitar correntes de aire e manter a temperatura no interior. Tamén se mellorou o aspecto das instalacións, co pintado e a instalación de vinilos ornamentais nas paredes interiores.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro agradeceu a colaboración e a flexilibidade dos clubs e das familias que adaptaron os adestramentos e encontros, facilitando o desenvolvemento destes traballos que supoñen unha renovación completa do interior da instalación”.

Previamente á instalación do parqué, realizáronse diferentes actuacións dirixidas a mellorar a impermeabilización do edificio, como a retirada do muro de terra que bordea un dos laterais do edificio e a limpeza de canlóns e baixantes.

Tamén se renovou a iluminación do espazo, coa instalación de 48 proxectores LED que substituíron as antigas luminarias.

0.20661902427673