O aparcadoiro do IES Lucus Augusti abre para a cidadanía fóra do horario lectivo

LugoXa
O novo espazo suma 49 prazas en pleno centro de Lugo, ampliando a oferta de estacionamento xunto co IES Ollos Grandes
Aparcadoiro-IES-Lucus-Augusti-Lugo
20 Mar 2026

A Xunta de Galicia abre ao público as prazas de aparcamento do IES Lucus Augusti unha vez finalizado o horario lectivo, poñendo á disposición da cidadanía 49 novas prazas na avenida Rodríguez Mourelo, dúas delas adaptadas para condutores con mobilidade reducida.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o horario de apertura será de 15,30 a 23,30 horas de luns a venres laborables, mentres que os sábados, domingos, días festivos e todo o mes de agosto o aparcamento permanecerá accesible durante as 24 horas.

Estas prazas súmanse ás trinta xa dispoñibles no aparcadoiro do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, situado na mesma zona, que a Xunta abriu ao público o pasado verán. A única excepción é o mércores á tarde, cando o aparcamento do IES Ollos Grandes abre ás 18,30 horas debido á actividade lectiva. Con estas incorporacións, a cidade conta con case 80 novas prazas na zona central, o que axuda a aliviar a presión sobre o estacionamento urbano.

Javier Arias salientou que a apertura do aparcamento cumpre co compromiso da Xunta de poñer á disposición da cidadanía as instalacións unha vez finalizadas as obras de rehabilitación integral do instituto, nas que se investiron 3,3 millóns de euros. Ao mesmo tempo, destacou a necesidade de respectar a actividade do centro educativo durante as tardes, que inclúe clases, reunións, consellos escolares ou labores de xestión, así como outros servizos como limpeza.

Por este motivo, no IES Lucus Augusti resérvanse oito prazas para o uso exclusivo da comunidade educativa, tal e como se fixo no IES Ollos Grandes, onde se reservaron sete.

Para garantir a seguridade xurídica e permitir que a Policía Local poida actuar en caso de infraccións ou incidentes, a Xunta asinou un convenio co Concello de Lugo que regula o uso destes aparcamentos públicos, reforzando a seguridade viaria e o correcto funcionamento destes espazos.

0.13901591300964