O Arde Lucus 2025 celebra este sábado 14 os seus grandes actos durante toda a xornada

LugoXa
Entre outras, durante esta xornada, desenvolverase a actividade Spugnativm, con participación da Cohors III Lvcensivm, Lvcvs Icenas Miliatore, Tir en la N´og e Castronel
Spugnativm-2024-Arde-Lucus
14 Jun 2025

Este sábado, 14 de xuño, o XXIV Arde Lucus celebrará o seu día forte con actividades e unha gran programación que acole a todo tipo de gustos, idades e necesidades culturais.

A xornada comezará ás 11:00 horas coa apertura do Macellum e do Castra, nos espazos do Lvcvs Avgvsti situados na Praza Maior e no Parque Rosalía de Castro. Uns minutos despois, ás 11:10 h, terá lugar unha exhibición de pugilato na Palestra do Lvcvs Avgvsti, na Praza de Ferrol. Desde as 11:15 ata as 13:00 h, poderá visitarse a actividade “Divortium: o fin dunha era”, a cargo de Caetra Lvcensivm, tamén na Praza de Ferrol. Ás 11:20 h dará comezo o “Cantus Fori Maximi”, un percorrido musical pola Praza de Ferrol e outras rúas da cidade.

Ás 11:30 h, o Clan de Breogán presentará novas réplicas de ourivaría e cerámica no Castra de Lvcvs Avgvsti. Dez minutos despois, na Porta do Bispo Izquierdo, desenvolverase a actividade Spugnativm, con participación da Cohors III Lvcensivm, Lvcvs Icenas Miliatore, Tir en la N´og e Castronela. Ás 11:50 h, no Castra de Lvcvs Avgvsti, Terra Cópora achegará ao público a figura do trampeiro. A mediodía, ás 12:00 h, celebrarase unha loita de gladiadores a cargo de Ars Dimicandi na Praza de Santa María.

Seguirán representacións teatrais e espectáculos diversos: ás 12:10 h, “Ad Vini Vocem” de Achádego Teatro na Praza de Ferrol e rúas próximas; ás 12:15 h, o espectáculo “Nascitvrvs” no quiosco da Praza Maior; e cinco minutos máis tarde, contos satíricos na Praza do Campo Castelo. Ás 12:30 h, na parte posterior da Praza Maior, realizarase a recepción de tropas e tribos estranxeiras, así como o nomeamento de civitas honoris. Ás 12:45 h, a Asociación Pinchacarneiro ofrecerá a peza teatral “A caída do ceo” na Praza do Campo Castelo.

O ritmo non decae ao chegar a tarde. Ás 13:00 h, o grupo Son de Lvgh interpretará “O son do deus Lug” na Praza Horta do Seminario. Ás 13:15 h comezarán os Xogos Panhelénicos na explanada do pavillón municipal, seguidos ás 13:30 h por “Conspiración no Senatus” na Praza Maior. Ás 13:45 h terá lugar “Moradores do Hades” e ás 14:00 h, o espectáculo musical “Gladius et Lira” nas rúas do centro histórico.

Ás 16:00 h volverán soar os Tambores de Braga pola cidade. Ás 16:35 h representarase “Barbari Venient” de Jvan Casaveteiro na Praza do Campo Castelo, seguido ás 16:45 h pola “Venda de escravos” da Asociación Cvrvxán nas escaleiras da Praza de Abastos. Ás 17:00 h retómase a escola de gladiadores na Praza de Santa María e, dez minutos máis tarde, o taller de peiteado galaico na Praza Horta do Seminario.

Desde as 17:15 h sucederanse espectáculos como “O rastro de Tympana”, “Confrarreatio”, “O fauno” e “Aquilae in festo”. Ás 18:00 h terá lugar o espectáculo principal de Ludi Circenses, para o cal se recomenda ir caracterizado e adquirir entrada en entradaslugo.es. Continuará a programación con representacións como “Amor, encantamentos e maldicións” de Kertix e o “Pago de impostos” a cargo de Mercaderes Atávicos.

Ás 18:20 h escenificarase o asalto ao monte Medulio e ás 18:30 h as confrarías galaicas tomarán o Castra. Ás 19:00 h celebraranse bautismos celtas na Porta Miñá, e ás 19:30 h, o rapto das Sabinas. Continuarán ás 19:45 h as ninfas polas rúas e ás 20:00 h, nova función de “Barbari Venient”.

A partir das 20:30 h terá lugar a Magna Pompa, un desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Rolda da Muralla, que permanecerá pechada ao tráfico ata as 21:30 h. Os tambores regresarán ás 20:45 h e as vodas celtas celebraranse ás 21:00 h na Porta Miñá. Os Tambores de Braga soarán de novo ás 21:30 h na Praza do Campo Castelo.

Pola noite, a escola de gladiadores terá nova sesión ás 22:00 h, seguida ás 22:15 h por outra representación da venda de escravos. Ás 22:30 h, un espectacular correfogo iluminará Santo Domingo. Ás 23:00 h será a quenda dos Tambores do Bloco e, quince minutos despois, o oráculo do Miño será revelado en Porta Miñá. Ás 23:30 h os castrexos tomarán as rúas e á medianoite comezará o recrutamento de aliados.

Ás 00:15 h, un desfile con fachos partirá da Praza Maior e percorrerá as rúas e o adarve da Muralla. Ás 00:30 h, “A peregrinación” contará unha lenda da noite en Praza da Soidade, e no mesmo intre terá lugar o espectáculo final con pirotecnia na Praza Maior. A programación concluirá ás 00:45 h cos Espíritvs da noite e ás 01:00 h co son vibrante da Tambukada na Praza Maior.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA DO ARDE LUCUS 2025

 

⚙ Configurar cookies
0.12535715103149