O Arde Lucus 2025 presenta unha programación chea de espectáculos este venres, 13 de xuño

Este venres, 13 de xuño, o XXIV Arde Lucus prepara decenas de actividades para todos os públicos. A Festa de Interese Turístico Internacional e especial de recreación histórica celébrase ata o 15 de xuño con máis de 300 actividades.
A xornada arrinca ás 17:00 horas coa inauguración do Macellum na Praza Maior, amenizada polo grupo Son de Lugh. Ás 17:15, os máis pequenos e pequenas serán protagonistas co espectáculo Pueri Ludens de Tympana Galaica, que percorrerá a Praza da Soidade e varias rúas da cidade.
Ás 17:30 inaugúrase tamén o Castra de Lucus Augusti no Parque Rosalía de Castro, onde minutos despois, ás 17:45, terá lugar a Invocación aos deuses galaicos a cargo de Lugdunum. Mentres tanto, na Praza de San Marcos, Ara Roma celebra o Armilustrium ás 17:55. A continuación, ás 18:00, ábrese oficialmente a Palestra cos Xogos Olímpicos na Praza de Ferrol, mentres Voces Urbis anima as rúas dende a Praza da Soidade.
Ás 18:15 o Quiosco da Praza Maior acollerá o acto Nasciturus, seguido cinco minutos despois da actividade infantil Misión: Salvar Roma, organizada polo Club Lugo Esgrima nas costas do Parque Rosalía de Castro, cun formulario de inscrición en xuventudelugo.gal. Ás 18:30, comezan os Munera Gladiatoria de Ars Dimicandi na Praza de Santa María. Pouco despois, ás 18:45, Frater Fauni levará a súa maxia ao fondo da Praza Maior e rúas próximas.
Os bautismos celtas terán lugar ás 19:00 na Porta Miñá, mentres que quince minutos máis tarde os xardíns do Museo Provincial serán o escenario de Vitae Julia Domna das Asemblearias de Lucus Augusti. Ás 19:30 celebrarase unha Confarreatio, unha voda romana, no quiosco da Praza Maior, seguida da Danza Armada ás 19:45 no fondo da praza e rúas da contorna.
A programación teatral comeza ás 20:00 coa Asemblea Galaica e a declaración de guerra na Praza de Santa María, un espectáculo colectivo con grupos históricos como Tir Na N’Og, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e outros. Dez minutos despois, Lucus Icenas Miliatore presenta O círculo da lebre na Praza Ánxel López Pérez, mentres Veteranorum percorre a Praza do Campo Castelo e as rúas da cidade ás 20:30.
Ás 20:45, O fauno traerá novamente o mundo mitolóxico á Praza Maior, antes das vodas celtas que terán lugar ás 21:05 na Porta Miñá. A música e a dramatización continúan con Versus Saturni ás 21:15 na Praza da Soidade, e a Traditio Stipendium et Signaculum da Cohors III Lucensium ás 21:30 na Praza de Santa María, á mesma hora que se representa a obra teatral A profetisa da Nova Escena Teatro na Praza de Armañá.
A noite avanza coa Danza de Correfuegos ás 22:00 na Praza Maior, seguida polos tambores da Asociación Tambukada ás 22:15. Ás 22:30 regresan os gladiadores coa loita Murmillón, secutor… na Praza de Santa María. Ás 22:45, os Salesiani Luci Augusti iluminan a noite no Castra e rúas da cidade.
Ás 23:00 comeza a lenda A peregrinación na Praza Maior e rúas próximas, mentres que de 23:00 a 02:00 celebraranse os Ritos en honra a Baco na Praza Santo Domingo. Tympana Galaica ofrecerá Ars Musicae ás 23:15 na rúa Luis Peña Novo, e o teatro regresa ás 23:30 coa obra Oráculo do Miño da Asociación Curuxán na Porta Miñá.
A xornada finaliza con emoción: ás 23:45 desfilará a Garda Pretoriana na Capela de San Roque e haberá un espectáculo pirotécnico na Praza Campo Castelo. Á medianoite, ás 00:00, celébrase a VI edición da Murus Lucis, a carreira nocturna con saída na Praza Pío XII. Porén, a festa continúa: ás 00:30 celébrase o Ritual Nocturnae e ás 01:00 soan os Sonidos do pasado do Bloco Meigallo pola Praza da Soidade e arredores.
CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA DO ARDE LUCUS 2025