O Arde Lucus serve de referente para a festa de recreación castrexa de Narón
A alcaldesa, Paula Alvarellos, recibiu á súa homóloga do Concello de Narón, Marián Ferreiro, na presentación en Lugo do Oenach Atlántico, a festa de recreación castrexa que se celebra na parroquia ferrolá de Sedes, e que terá lugar do 26 ao 28 de xullo. A comitiva de Narón contou coa asistencia das edís de Festas e Turismo, Mar Gómez e Natalia Hermida, respectivamente, ademais de integrantes da Asociación Rosa dos Ventos, un dos colectivos máis involucrados neste evento e impulsor do Oenach Atlántico.
Os edís de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, acompañaron a comitiva ferrolá, que tamén foi recibida por integrantes de varias asociacións que colaboran estreitamente co Arde Lucus, como son Asemblearias de Lucus Augusti, Trebas Galaicas, Lugdunum, Senatus Lucus Augusti, Clan de Breogán e Terra Copora.
Durante o acto de presentación, a alcaldesa de Lugo sinalou que “o feito de que o Concello de Narón elixa Lugo para presentar o Oenach Atlántico, a festa castrexa que se celebra na parroquia de Sedes, é unha honra para a cidade, e tamén para o Concello de Lugo e as asociacións de recreación histórica, como promotoras da festa do Arde Lucus. Compartimos o proxecto de poñer en valor o noso patrimonio como pobo, a través da recuperación das nosas tradicións con este tipo de eventos que están a demostrar que homenaxear a nosa historia e a nosa cultura non é incompatible con gozar da festa”.
Ademais, Paula Alvarellos falou do “orgullo que supón para todo o equipo que fai posible o Arde Lucus, que a nosa festa sirva de referente para outros eventos de recreación histórica como é este Oenach Atlántico”, ao que desexou que “logre tantos recoñecementos como o noso Arde Lucus, porque ambas celebracións partiron do mesmo xerme: crear unha festa, cun alto grao de implicación e ilusión, que foi medrando grazas ao compromiso de toda unha comunidade, e que reflicte o orgullo que sentimos polos nosos orixes e a nosa identidade”.
Precisamente, falando do compromiso e da implicación dos colectivos que fan posible ambas celebracións, a alcaldesa tivo palabras de agradecemento ás e ós integrantes dalgunhas das asociacións que colaboran co Arde Lucus, presentes neste acto. “Estes colectivos, como no caso de Rosa dos Ventos para o Oenach Atlántico, son parte fundamental destas festas de recreación histórica, e cada ano a súa implicación e maior e máis notable”, sinalou.
Edición 24 da festa castrexa
O Oenach Atlántico é a festa castrexa, catalogada de Interese Turístico Galego no 2014, que se celebra na parroquia de Sedes e que este ano cumpre as mesmas edicións que o Arde Lucus, 24 anos. Trátase dun evento que permite adentarse na cultura castrexa, para o que recrea a vida nunha aldea, coa súa artesanía e demostracións en vivo de mestres artesáns, xogos, música e gastronomía, entre outras actividades que pretenden poñer en valor a cultura e as tradicións dos pobos castrexos.
Entre os actos máis destacados do programa figuran o acendido de Lume co que comeza a festa, o venres día 26 ás 21.00 horas; as noites de concertos de música tradicional; as obras de teatro; as demostracións en vivo de mestres artesáns ou o Oenach Gastronómico, todos tomando como punto de encontro o emprazamento único de Sedes, situado na campa castrexa.