O Arde Lucus xa ten data para 2023

LugoXa
O Arde Lucus xa ten data para a súa celebración no vindeiro ano 2023 que será os días 22, 23, 24 e 25 de xuño
desfile cohors arde lucus
desfile cohors arde lucus
13 Nov 2022

O Arde Lvcvs do ano 2023 celebrarase do 22 ao 25 de xuño. Así llo comunicou onte, persoalmente, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ás asociacións que fan posible esta festa de recreación histórica. Un anuncio no que estivo acompañada polo edil de Xuventude, Mauricio Repetto e que realizou no transcurso da VIII Cena de confraternización que mantén co colectivo.

A rexedora destacou o momento tan importante no que se atopa a cidade, xa que o Concello presentará este mesmo mes a súa candidatura para obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de ostentar xa o Galego e o Nacional.

Méndez puxo o foco no alcance social, turístico e económico que xeran estes festexos, “un dos motivos polo cal anunciamos as datas de maneira temperá coa finalidade de permitir que o tecido asociativo, os veciños e veciñas, así como a hostalería e o comercio local poidan prepararse e traballar con previsión, planificando eses días”.

A alcaldesa sinalou que este ano seguiranse a potenciar novas actividades “para continuar atraendo a milleiros de persoas e convidalas a gozar cos e coas lucenses da transformación que experimenta a capital que, con fidelidade, retrocede no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”.

Unha vez máis, Méndez lembrou que o que comezaba como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do Centro Histórico, cunha duración dunha noite e enfocado principalmente á mocidade, “converteuse nunha festa cun elevado compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que o fan único en España polo grado de implicación da cidadanía. Ese é, sen dúbida o maior dos seus éxitos”, concluíu convidando ás Asociacións do Arde Lvcus a iniciar a súapreparación.

0.10713601112366