O Arde Lvcvs 2025 pecha cun éxito rotundo e récords de participación, limpeza e ocupación hoteleira

LugoXa
Desde o Concello de Lugo fan unha valoración moi positiva desde edición e destacan a participación das asociacións de recreación histórica na programación
Arde-Lvcvs-2025
16 Jun 2025

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, fixo un balance moi positivo da vixésimo cuarta edición do Arde Lvcvs, que definiu como “un auténtico éxito”, salientando especialmente a diversificación dos espazos e a mellora na calidade e cantidade das actividades de recreación histórica. “Conseguimos descentralizar a festa, atraendo máis público familiar e abrindo novas posibilidades de crecemento para vindeiras edicións”, asegurou.

A programación espallouse por todo o centro histórico e arredores, con iniciativas como Miúdo Arde ou Misión Salvar a Roma, pensadas para un público máis amplo. Bustos subliñou tamén que esta estratexia axudou a evitar aglomeracións, ao tempo que mantén o carácter divulgativo da festa e evita que se converta nun evento meramente nocturno. A participación das asociacións de recreación histórica foi clave neste proceso, destacando a incorporación de novas xeracións.

En canto ao desenvolvemento do evento, tanto a Policía Local como os Bombeiros cualificaron o Arde Lvcvs de “tranquilo e sen incidentes destacables”. Os dispositivos de seguridade, con reforzos especiais nas principais xornadas, permitiron unha resposta eficaz a pequenos contratempos como algunha asistencia médica ou casos de embriaguez, pero sen incidencias relevantes.

O dispositivo especial de limpeza, con 95 operarios e arredor de 50 vehículos, retirou aproximadamente 400.000 quilos de lixo, 30.000 máis que o ano anterior, unha cifra que reflicte tamén o aumento de participación. A ocupación hoteleira foi outro indicador do éxito: segundo a APEHL, o sábado alcanzouse o 100% e os días previos superouse o 90%.

DATOS DE TURISMO

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os datos de turismo do Arde Lucus 2025, destacando que "o número de turistas que se achegaron a Lugo estes días demostran que Lugo xa está consolidado como un destino estratéxico á hora de visitar Galicia".

As diferentes instalacións recibiron en total 3212, destacando a importancia do punto de información da Oficina Municipal de Turismo instalado na praza Maior, destacando as procedentes do resto de Galicia e das principais zonas do Estado, entre as que destacan Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Mentres, Europa e América son os lugares dos que proceden maior número de turistas no eido internacional.

Maite Ferreiro afirmou que "seguiremos traballando para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten". Maite Ferreiro, afirmou que "nos últimos anos apostamos por un turismo de calidade e desestacionalizado, que permita a convivencia das e dos visitantes coas persoas que residen en Lugo".

A concelleira de Turismo afirmou que "os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e vemos como con cada campaña Lugo conta cuns datos positivos".

⚙ Configurar cookies
0.17674899101257