O Arde Lvcvs celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de 2026

GaliciaXa | LugoXa
A elección das datas tivo en conta a coincidencia con outros eventos destacados como o Corpus Christi e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia
Arde-Lvcvs-2025
20 Jun 2025

A cidade de Lugo xa ten datas para unha das súas celebracións máis emblemáticas. O 25 aniversario do Arde Lvcvs terá lugar do 18 ao 21 de xuño de 2026, nunha edición especial que combinará actos novidosos con outros que lembrarán os inicios desta festa que, co paso do tempo, se converteu nun referente nacional e internacional na recreación histórica.

Así o anunciou hoxe a Área de Xuventude do Concello de Lugo, encargada da organización do evento. Segundo o concelleiro Jorge Bustos, “coñecer xa as datas do vindeiro ano permite a moitos visitantes que estiveron estes días en Lugo planificar con antelación a súa estadía, o que tamén beneficia ao sector hoteleiro”. Bustos sinala que moitas persoas xa realizan as súas reservas cun ano de antelación, do mesmo xeito que ocorre con festivais de renome como o Caudal Fest ou o Resurrection Fest.

A elección das datas tivo en conta a coincidencia con outros eventos destacados como o Corpus Christi e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, celebracións relixiosas cuxas procesións percorren rúas estratéxicas do Arde Lvcvs, polo que non sería viable celebralos na mesma fin de semana.

O edil explicou que, aínda que a edición deste ano acaba de rematar, o equipo xa traballa na do 2026. “Mesmo durante os días da festa vimos cousas que se poden mellorar e xurdiron novas ideas para incorporar. Aproveitamos tamén para falar con asociacións locais e de fóra sobre actividades futuras coas que seguir innovando”, indicou Bustos. A próxima edición será especialmente significativa: “O Arde Lvcvs naceu como unha festa sen grandes pretensións e foi medrando ata acadar recoñecementos a todos os niveis, pero aínda ten marxe para seguir evolucionando”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.17358493804932