O arqueólogo Celso Rodríguez Cao desvela algúns segredos sobre a Domus do Mitreo
O arqueólogo Celso Rodríguez Cao ofrecerá este martes, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o relatorio sobre o proceso que rexeu os traballos de escavación e musealización do xacemento arqueolóxico localizado no solar sobre o que se edificou a Casa do Saber.
Rodríguez Cao lembrará na súa intervención as distintas fases experimentadas ao longo da escavación, ao tempo que explicará as distintas disciplinas científicas empregadas para proceder á recreación tanto do templo de Mitra e das distintas dependencias da edificación que o acubillaba, ademais de afondar, a partir deste achado, no coñecemento da realidade socioeconómica de Lucus Augusti desde a etapa Alto Imperial ata a descomposición do imperio romano a finais do século V.
O relatorio de Celso Rodríguez Cao ten un carácter didáctico e pedagóxico, dado que, con esta intervención, o arqueólogo responsable desta escavación, pretende achegar ao público as ferramentas empregadas para chegar as conclusións incluídas no volume ‘A Domus do Mitreo. Un enclave singular en Lucus Augusti’, unha obra na que o autor dá conta das pescudas desenvolvidas na súa tese de doutoramento.
A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos e o catedrático da USC e adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Internacionalización, Estudantes, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén intervirán na sesión, que servirá de presentación pública desta exhaustiva investigación sobre a Domus do Mitreo.