O Arquivo do Museo Provincial de Lugo incorpora documentación doada por José Antonio Cobreros Aranguren

TerraChaXa | LugoXa
O Arquivo do Museo Provincial de Lugo incorpora documentación doada por José Antonio Cobreros Aranguren, datada entre o século XVI e o XX
arquivo museo provincial cobreros
10 Xul 2022

O Arquivo do Museo Provincial de Lugo incorpora aos seus fondos un importante conxunto documental doado por José Antonio Cobreros Aranguren. Trátase de 11 cartapacios de documentación, 3 libros manuscritos e outros 3 impresos cunha cronoloxía que abarca desde a primeira metade do século XVI ata as primeiras décadas do século XX e que formaban parte do arquivo familiar do enxeñeiro e neto do arquitecto lucense Nemesio Cobreros.

A doazón fíxose pública durante un acto no que a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro agradeceu “a xenerosidade de José Antonio Cobreros Aranguren, que con esta doazón ao Arquivo do Museo Provincial a disposición de investigadores e investigadoras un material de gran interese para unha análise rigorosa do noso pasado”.

Apuntamentos sobre o conxunto documental

Dacordo coa primeira revisión realizada por técnicos do arquivo do Museo Provincial e polo investigador do CSIC do Instituto de Estudos Galego Padre Sarmiento, Pablo Otero Piñeyro Maseda, contrastada con informacións facilitadas polo propio doante, “a orixe da maior parte dos cartapacios e manuscritos comprende os restos do arquivo familiar da Casa de la Barrera (Cospeito)”, completando así o conxunto de documentos dese arquivo familiar adquiridos hai varias décadas pola Deputación de Lugo.

A respecto disto, o investigador concreta que a documentación doada agora inclúe “testamentos, partillas, escrituras de compra e venda, foros, arrendamentos, avinzas, apeos, executorias de preitos e outras escrituras referentes á xestión e administración de bens e cobranzas de rendas (...) relativas a bens en diversos emprazamentos da Terra Chá lucense (Cospeito, Outeiro de Rei, Begonte…), Guntín de Pallares, cidade da Coruña, Carballo, Cambre, Culleredo…Xunto a todos eles, documentos doados relacionados co municipio de Trabada e a familia dos Pardo Montenegro pódese supoñer que procederían do arquivo familiar de dona María de la Asunción Montenegro y Pardo, bisavoa de don José Antonio Cobreros. Hai tamén algunha documentación do propio arquitecto Nemesio Cobreros, como planos, series epistolares, recibos ou cartafoles”.

No que toca aos libros manuscritos, encadernados en pergamiño, dos séculos XVII e XVIII, o investigador avanza “que se relacionan cos López Cordido, os Saavedra e os xa mencionados Pardo Montenegro mindonienses, oriúndos da casa de Villamartín”.

O conxunto documental doado complétase con 3 libros impresos: o Catálogo General da Exposición Regional de Lugo, de 1896; Juegos florales. Certamen literario de la Exposición Regional de Lugo, tamén de 1896; e o Libro de la Coronación de Nuestra Señora la Virgen de los Ojos Grandes, de 1904.

0.17491006851196