O Arquivo Histórico Provincial de Lugo celebra o Día Internacional dos Arquivos cunha mostra

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo celebra este 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos cunha nova entrega da serie Documentos singulares, que nesta ocasión pon o foco na historia e legado das Cámaras Agrarias da provincia.
A celebración lembra o aniversario da creación do Consello Internacional de Arquivos pola UNESCO, datada no 9 de xuño de 1948.
Este ano recupérase un documento da Cámara Agraria Local das Nogais, elaborado entre 1963 e 1964, no que se recolle a preocupación pola emigración da mocidade do municipio, un testemuño directo do impacto demográfico no rural lucense durante esas décadas. As Cámaras Agrarias, creadas a finais do século XIX como asociacións voluntarias, experimentaron unha notable evolución ata converterse, en 1977, en corporacións de dereito público co restablecemento da liberdade sindical.
O arquivo conserva 56 fondos destas organizacións, con documentos datados entre 1924 e 1996, que ocupan 196 metros lineais e constitúen unha valiosa fonte de información sobre a realidade do mundo agrario na provincia.
Ademais, desde hoxe e ata o venres, o centro abre as súas portas ao público para que quen o desexe poida coñecer as instalacións e os traballos de conservación e custodia que se realizan.
Como colofón á celebración, o día 23 de xuño inaugurarase unha exposición fotográfica con imaxes do fondo de Constantino Rodríguez Gutiérrez, fotógrafo nacido en Siero (Asturias) que se asentou en Lugo a finais do século XIX. Foi un retratista moi recoñecido, que mantiña o seu estudio na actual rúa Conde Pallares ata o seu falecemento en 1947. O fondo, cedido polos seus descendentes, inclúe 377 placas fotográficas, en cristal e acetato, da súa autoría e tamén de Salvador Castro Freire ou doutros fotógrafos non identificados.
A exposición poderá visitarse ata finais de ano e está previsto que centros educativos da provincia participen en visitas guiadas. Para asistir, será preciso realizar unha solicitude previa no teléfono 982 828 318 ou no correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.es.
RESPALDO INSTITUCIONAL
Con motivo da efeméride, o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, visitaron o Arquivo Municipal e segundo a concelleira responsable, Cristina López, a principal finalidade para levalo adiante foi "promover a xestión e o uso eficiente e eficaz de documentos, arquivos e datos en todos os formatos e a súa preservación como patrimonio cultural e testemuñal da humanidade, a través da cooperación internacional, para compartir experiencias e investigacións".
A concelleira de Participación insistiu en que os arquivos "son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos", polo que a documentación que as persoas profesionais custodian non só serve de mostra de transparencia e do acceso á información, senón que tamén constitúe a pegada dos nosos devanceiros, a testemuña das súas accións ao longo do tempo, remarcou López.
Cristina López tamén destacou a importancia do Arquivo Municipal de Lugo, que custodia, trata e serve a documentación producida e/ou recibida polo Concello de Lugo ao longo do tempo, durante todo o seu ciclo de vida. "Trátase dun rico fondo documental que arranca no século XIV e que actualmente está custodiado en dous arquivos distintos, xa que a parte máis histórica se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo en depósito mentres que a máis contemporánea se ubica no propio Arquivo Municipal", concluíu a edil.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para participar na presentación desta iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio documental custodiado polo arquivo.