O Arquivo Histórico Provincial inaugura unha exposición sobre o Gabinete Fotográfico de Constantino Rodríguez Gutiérrez

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo vén de inaugurar unha nova exposición dedicada ao Gabinete Fotográfico de Constantino Rodríguez Gutiérrez, unha mostra que permite mergullarse nun período crucial da historia lucense a través de imaxes de gran valor documental e artístico.
A exposición está composta por 377 placas fotográficas depositadas no Arquivo polos netos do autor, D. Constantino Rodríguez Ramos e D. Manuel Rodríguez Rubio, aos que a institución agradeceu expresamente a súa xenerosidade coa cidadanía e as entidades públicas. Iniciativas coma esta son esenciais para que os arquivos poidan custodiar e dar a coñecer fondos de notable interese histórico e cultural.
As imaxes abranguen un arco cronolóxico que vai aproximadamente de 1894 a 1947, e inclúen fotografías realizadas polo propio Constantino Rodríguez Gutiérrez, así como outras de autoría diversa, mesmo anónima. Cómpre destacar, entre estas, as placas de Salvador Castro Freire, moitas das cales foron publicadas na obra Lugo y sus hombres, editada en 1951.
Ao acto de inauguración asistiron representantes da Xunta de Galicia, da Subdelegación do Goberno, así como as edís de Participación Cidadá, Cristina López, e de Cultura, Maite Ferreiro, en representación do Concello de Lugo, arroupando así un proxecto que pon en valor a memoria visual e histórica da provincia.