O artista lucense Bublegum participa nun mural colaborativo en Estados Unidos

O artista urbano lucense Tirso Paz, coñecido como Bublegum, e que foi nomeado Mellor Muralista do Mundo en 2024 por Street Art Cities, está a participar nun proxecto innovador na cidade de Lynn, Massachusetts, Estados Unidos, xunto á organización Beyond Walls, que impulsa proxectos artísticos colaborativos para transformar espazos públicos, fortalecer o tecido social e crear comunidades máis seguras, activas e cohesionadas.
Este proxecto, que envolve sete artistas nacionais e internacionais, entre eles Bublegum como representante de España, así como artistas de Arxentina, Italia e Estados Unidos, busca transformar o espazo público mediante grandes murais creados en colaboración con educadores e estudantes locais. Enmarcado no programa “Classroom to the Streets” (Da aula á rúa), desenvolvido durante xullo e agosto, promove o intercambio entre artistas, educadores e estudantes co obxectivo de empoderar á comunidade de Lynn a través do arte público, tomando como inspiración as experiencias e preocupacións da mocidade.
Cada artista traballa cun equipo composto por dúas profesoras e dous estudantes de diferentes centros educativos da cidade e, ao longo de varias sesións en liña, debaten os principais desafíos locais e as características da súa comunidade para crear un concepto artístico conxunto que reflicta as súas necesidades e esperanzas. Este ano, por primeira vez, os estudantes de último curso teñen un papel activo na execución do mural, participando no proceso de pintura xunto aos seus profesores e artistas convidados.
O MURAL
Nas reunións preparatorias, o tema principal foi reflejar a gran diversidade cultural que caracteriza a Lynn, unha cidade onde máis do 50 % da súa poboación é inmigrante, con mestura de múltiples nacionalidades e culturas. Debido á percepción de inseguridade nalgunhas zonas, o equipo decidiu que o mural debería incluír cores vibrantes e alegres para transmitir enerxía positiva e vitalidade. Ademais, unha das estudantes expresou entusiasmo polas flores, inspirando a inclusión de elementos florais no deseño para aportar frescura e simbolizar crecemento e diversidade.
Fiel ao seu estilo, que combina natureza e elementos ornamentais, Tirso Paz plantexou que o elemento central fose un animal mariño ligado á proximidade do océano e á biodiversidade de Lynn. Finalmente, a tartaruga mariña perfílase como símbolo principal, representando o viaxe de moitas culturas que construíron novas comunidades, levando o seu fogar consigo e atopando un lugar ao que pertencer. O seu caparazón, que a protexe dos perigos, simboliza tamén a forza e protección que brinda a comunidade en Lynn.
Para representar diferentes orixes, Tirso decidiu incluír distintas flores: unha rosa que simboliza América, unha variedade de protea que representa África e unha flor de loto que alude a Asia. Deste xeito, o mural resaltará tanto a riqueza cultural como o espírito acolledor e protector da cidade.