O artista lucense Iván Mouronte será o autor do cartel do San Froilán 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o artista lucense Iván Mouronte será o encargado de deseñar o cartel do San Froilán 2025.
A decisión enmárcase nunha colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, coa intención de que cada ano sexa un creador de Lugo quen dea imaxe á gran festa do outono galego.
Ferreiro explicou que a área de Cultura optou por este modelo “despois de que moitas festas que seguían o sistema de concurso se visen obrigadas a modificar os carteis polo uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial”. Ao tempo, destacou que con esta medida pretenden “promocionar o traballo das profesionais da ilustración de Lugo, ofrecendo a súa propia visión das nosas festas”.
A tenente de alcaldía tamén confirmou que se manterá o concurso infantil de debuxo co que se escolle o cartaz do San Froilán Miúdo. “Animamos ás nenas e nenos de Lugo a seguir participando neste certame, e agardamos que no futuro moitos deles continúen adicándose ao deseño de maneira profesional”, subliñou.
Precisamente hoxe publicáronse no BOP as bases do concurso do San Froilán Miúdo, que contempla un premio de 300 euros para a nena ou neno menor de 15 anos gañador. Os traballos deben presentarse en formato impreso ou dixital, en tamaño A4, a través da sede electrónica ou no rexistro presencial do Concello, nun prazo dun mes. Un xurado será o encargado de escoller a imaxe do espazo infantil das festas deste ano.