O artista Rubén Paz está a elaborar un mural no Pazo dos Deportes dedicado ao Ensino

LugoXa
A intervención artística ocupará a fachada oeste do edificio e avanzará nos vindeiros días coa aplicación de cor
mural-Rubén-Paz-no-Pazo-Lugo-Ensino
8 Apr 2026

O Pazo dos Deportes de Lugo incorporará un mural dedicado ao club Ensino, unha creación do artista Rubén Paz que xa iniciou o seu deseño sobre unha superficie de 30 metros de ancho por 15 metros de alto. A obra está a tomar forma na fachada oeste do edificio, onde xa se distinguen os trazos das figuras principais que compoñen unha homenaxe á entidade deportiva, integrando tamén referencias ao patrimonio da cidade.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, acompañou esta mañá ás xogadoras do Ensino para observar de preto o avance dos primeiros traballos. Durante a visita, destacou que esta proposta artística serve para recoñecer a traxectoria do club como símbolo do deporte lucense e, ao mesmo tempo, contribuír a mellorar a imaxe e o valor simbólico do Pazo a través da intervención dun dos muralistas lucenses con maior proxección internacional.

Castro sinalou que esta actuación responde a un compromiso adquirido co club, que se foi atrasando debido ás obras realizadas na fachada e na cuberta do edificio. Neste sentido, subliñou que a execución coincide cunha tempada especialmente relevante para o Ensino, marcada pola súa clasificación para a Copa e polo seu percorrido na Liga.

O representante provincial tamén lembrou que este proxecto artístico se foi desenvolvendo en paralelo ás distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos para optimizar as condicións do recinto deportivo, un proceso no que a Deputación continúa implicada con iniciativas como a ampliación da capacidade do Pazo.

Os traballos continuarán nos próximos días, condicionados pola evolución da meteoroloxía, nunha fase na que o mural adquirirá o seu aspecto definitivo coa incorporación das cores.

0.12799406051636