O asfaltado da avenida das Américas farase cando remate a obra de canalización de Begasa
Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, informou que unha vez rematen os traballos de renovación que se están executando por parte de Begasa nas canalizacións do cableado eléctrico na avenida das Américas, o Goberno de Lugo continuará a traballar na renovación integral do asfaltado da mesma.
Alexandre Penas destacou “a coordinación” entre os servizos técnicos do Concello e da empresa eléctrica “para garantir o mellor estado dunha das principais vías de entrada a Lugo”. O edil de Infraestruturas explicou que a previsión é ter os traballos completamente rematados cara ao final do mes de setembro.
Penas explicou que a actuación proxectada pola Concellería de Infraestruturas da continuidade ao traballo realizado no pasado ano. “Hai dous anos renovouse o alumeado público desta zona, e continuamos actuando no asfalto da parte final da rúa, o treito que comunica coa N-540, e coa intervención que se está a executar cumprimos co obxectivo de renovar esta rúa por completo, garantindo o bo estado das vías de Lugo". Na actualidade, a intervención está rematada en sentido de entrada a Lugo, mentres que os traballos nos carrís de saída están paralizados ata que remate o mantemento da rede eléctrica.
En total, invístense 84.322€ na renovación do asfalto. A solución executada pola Concellería de Infraestruturas consiste na creación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, renovarase a sinalización horizontal.