O auditorio Fuxan os Ventos acolle os ensaios do concerto de aninovo da Banda Filarmónica de Lugo

LugoXa
O concerto de aninovo, titulado Volven os 80's, celebrarase o próximo 3 de xaneiro, ás 20.00 horas, no auditorio Gustavo Freire
auditorio-Fuxan-os-Ventos-Lugo
27 Dec 2024

O tenente de acalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron o auditorio Fuxan os Ventos, onde se están a realizar os ensaios para o concerto de aninovo da Banda Filarmónica de Lugo.

Arroxo sinalou que "seguimos traballando para que esta nova instalación cultural dispoña dunha programación continuada, tal e como ocorre no auditorio municipal Gustavo Freire". Ademais, destacou que "o tecido cultural local terá un papel fundamental na programación do auditorio Fuxan os Ventos".

Referiuse aos ensaios da Banda Filarmónica como "un primeiro paso para consolidar este auditorio como un espazo de referencia para as agrupacións culturais de Lugo".

O concerto de aninovo, titulado Volven os 80's, celebrarase o próximo 3 de xaneiro, ás 20.00 horas, no auditorio Gustavo Freire. A entrada será gratuíta, pero será necesario retirar invitacións a través do portal entradaslugo.es ou presencialmente na oficina de turismo.

Arroxo subliñou que este evento forma parte da "intensa programación" de Nadal organizada pola Tenencia de Alcaldía, que inclúe numerosas actividades en diferentes espazos culturais da cidade, así como en lugares alternativos como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal.

0.17075705528259