O Auditorio Gustavo Freire acolle máis de vinte espectáculos no segundo semestre do ano

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, deu a coñecer a programación cultural que se desenvolverá no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante a segunda metade de 2025. A oferta abrangue teatro, danza contemporánea e actividades pensadas para o público familiar e de primeira infancia, cun total de máis de vinte representacións ata finais de decembro.
Ferreiro explicou que a programación estrutúrase en tres liñas fundamentais: artes escénicas para público adulto, propostas familiares e de primeira infancia, e unha clara aposta pola danza contemporánea. Segundo a edil, o obxectivo é que toda a veciñanza, desde a infancia ata as persoas maiores, atope espazos para desfrutar da cultura na cidade.
O calendario inclúe nove espectáculos de teatro e novas linguaxes escénicas, con compañías galegas e internacionais como Alomáis, Sin Mente Teatro, Nueveuno Circo ou Redrum Teatro. Tamén haberá nove funcións dirixidas ao público infantil e familiar, con compañías como Caramuxo Teatro, Animal Religion ou SÖA Cía, e a danza contará cun papel protagonista con propostas de Led Silhouette, Nova Galega de Danza ou proxectos internacionais como Proyecto Larrua.
As entradas manterán prezos populares: 5 euros para público adulto e danza e 3 euros para espectáculos familiares e de primeira infancia. Estableceranse descontos do 30 % para persoas desempregadas, menores de 30 anos, pensionistas e integrantes da AAAG, ademais de bonos especiais dispoñibles do 30 de setembro ao 13 de outubro.
Ferreiro subliñou que con esta programación preténdese consolidar o Gustavo Freire como un espazo de encontro veciñal, no que a cidadanía poida emocionarse, descubrir novas linguaxes artísticas e facer da cultura un sinal de identidade da cidade de Lugo.
PROGRAMACIÓN
A programación de teatro adulto comezará o 16 de outubro ás 20.30 horas con “Ca-co-Flex” da compañía Alomáis Teatro, continuará o 23 de outubro á mesma hora con “Los innombrables” de Sin Mente Teatro, o 30 de outubro ás 20.30 horas será a quenda de “Todo lo posible” de Nueveuno Circo, o 6 de novembro ás 20.30 horas representarase “Oh, mammi blue!” de Cinema Sticado, o 13 de novembro ás 20.30 horas chegará “Un tal Romeo” de A Ramboia, o 20 de novembro ás 20.30 horas será “Heroes en decembro” de Ancoraxe, o 27 de novembro ás 20.30 horas “Ellos y yo” de Jordi Font, o 4 de decembro ás 20.30 horas “Nas nubes” de Redrum Teatro e o 11 de decembro á mesma hora “Os dous de sempre. O regreso” de Producións Teatrais Excéntricas.
No apartado familiar, a programación abrirase o 19 de outubro ás 18.30 horas con “Os Senteito” de Caramuxo Teatro, seguirá o 26 de outubro á mesma hora con “Nanuq” de Cia. Voël, o 2 de novembro ás 18.30 horas será “Coa cabeza na nubes” de SÖA Cía, o 9 de novembro ás 18.30 horas “Copiar” de Animal Religion, o 16 de novembro ás 18.30 horas “Fala, fala, falangueira” de Matrioshka Teatro, o 23 de novembro ás 18.30 horas “Bagaxe” de Cia. Arturo Cobas, o 30 de novembro con dobre función ás 17.00 e 18.30 horas “SUM” de Baychimo Teatro, o 7 de decembro ás 18.30 horas “Os contos do Lobicán” de Redrum Teatro e o 14 de decembro á mesma hora “Teatro de papel” de Rauxa Cía.
A danza comezará o 2 de outubro ás 20.00 horas con “Halley” de Led Silhouette, seguirá o 31 de outubro ás 20.30 horas con “Dique” de Nova Galega de Danza e continuará o 22 de novembro ás 20.30 horas cun programa conxunto no que se presentarán “Idi Begi” de Proyecto Larrua, “Contido” da Companhia Dança Almada, “Proserpina” de La mínima e “Portrait” de ZigZag.