O baixo da Praza de Abastos de Lugo acolle unha nova edición de Palillad

O vindeiro sábado 31 celebrarase na Praza de Abastos de Lugo a Xuntanza de Palilleiras e Multilabores PalillAD, un encontro ao redor do encaixe de palillos organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación Agulla Máxica.
Trátase da sétima edición deste evento, no que se agarda a participación dunhas 300 palilleiras de toda Galicia, para intercambiar e actualizar coñecementos ao redor dunha actividade que está a experimentar unha importante transformación impulsada polo mundo da moda, o deseño e a decoración.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a concelleira de Participación do Concello de Lugo Cristina López presentaron o evento acompañados por integrantes da asociación lucense Agulla Másica, que valoraron a continuidade da xornada e a boa acollida que ano a ano ten entre colectivos e palilleiras a título individual.
Efrén Castro e Cristina López sinalaron a importancia destas “xornadas de intercambio de coñecementos, pero tamén de convivencia e encontro para as persoas participantes” e destacaron “o labor dos colectivos de palilleiras que dinamizan, manteñen viva e transmiten esta técnica tradicional que está a experimentar unha importante transformación impulsada polo mundo da moda, o deseño ou a decoración".
A palillada desenvolverase de 10.30 a 19.00 horas no baixo da Praza de Abastos, con entrada libre e gratuíta para as persoas que queiran ver de preto o labor das palilleiras.