O balonmán aséntase en Friol

A implantación do balonmán en Friol é unha realidade recente pero chea de ilusión, que naceu do interese por achegar novas disciplinas deportivas ao alumnado e ampliar a oferta máis alá das prácticas tradicionais. A iniciativa xurdiu a partir de conversas entre o CPI Doutor López Suárez e membros do club Millaven CP Lucense, que se desprazaron ata o centro educativo para realizar varias sesións de iniciación e permitir que os rapaces e rapazas coñecesen de primeira man este deporte.
A boa acollida destas primeiras actividades fixo que o proxecto collera forza. Na actualidade, a práctica do balonmán desenvólvese como actividade deportiva dentro do propio centro educativo, coa participación do alumnado que se anotou voluntariamente. Ademais dos adestramentos habituais, polo menos unha vez ao mes o grupo conta coa presenza de adestradores do Millaven CP Lucense, que colaboran de forma directa na mellora do traballo técnico e na aprendizaxe dos fundamentos do xogo.
A experiencia competitiva tamén comezou a dar os seus primeiros pasos. Polo de agora, os rapaces e rapazas de Friol participan en encontros con outras escolas vinculadas ao Millaven CP Lucense, unha fórmula que lles permite adquirir rodaxe, coñecer o ambiente de competición e vivir o deporte dun xeito máis completo, sen a presión dunha liga regular.
O proxecto conta actualmente cun grupo de 21 nenos e nenas repartidos en dúas categorías. Na base, o grupo benxamín suma 14 participantes, mentres que na categoría alevín son 7 os rapaces e rapazas que practican balonmán de maneira regular. Todos eles adestran no Pavillón Municipal de Friol, unha instalación que se converteu no punto de encontro semanal para esta nova disciplina deportiva no concello.
De cara ao futuro, a intención é seguir ampliando a actividade, participando en máis partidos e abrindo a porta á posibilidade de competir nunha liga regular. O obxectivo a longo prazo é ambicioso: crear unha estrutura de club semellante á que xa existe no atletismo local, baseada nunha filosofía clara de deporte escolar, que permita aos nenos e nenas do centro practicar balonmán de maneira regrada desde idades temperás. Nese camiño, o apoio e as facilidades ofrecidas polo Millaven CP Lucense están a resultar fundamentais, permitindo avanzar paso a paso e garantindo unha continuidade para aqueles deportistas que desexen seguir progresando fóra do ámbito escolar.
Entre as principais necesidades do proxecto destaca a falta de adestradores propios no centro ou no propio concello, unha carencia que dificulta dar maior continuidade á formación dos rapaces e rapazas. Con todo, desde a dirección do CPI confían en poder solucionar este hándicap co paso do tempo.
O apoio institucional tamén está a ser clave. Desde o centro educativo destacan a colaboración constante do Concello de Friol, tanto neste proxecto como noutras iniciativas deportivas e educativas que se levan desenvolvendo desde hai anos co alumnado.
OS BENEFICIOS
Para Felipe Barata Villapol, director do CPI Doutor López Suárez, o balonmán ofrece numerosos beneficios. Trátase dun deporte de equipo que fomenta valores como o compañeirismo, o esforzo colectivo e o sacrificio persoal en favor do grupo. Ademais, é unha disciplina sinxela na súa concepción, accesible para todo tipo de nenos e nenas e cunha grande capacidade de enganchar desde o primeiro contacto. A proba está na ilusión do alumnado, que tras o seu primeiro partido non deixou de preguntar cando sería o seguinte.
Un dos maiores motivos de orgullo para o centro e para o concello é ver como rapaces e rapazas de Friol xa están a competir a nivel autonómico integrados nas dinámicas do Millaven CP Lucense, demostrando que, mesmo desde un concello pequeno, é posible abrir novas vías para o deporte base e ofrecer oportunidades de crecemento persoal e deportivo.