O Banco de Alimentos de Lugo recibe 2.000 euros de Caixa Rural Galega polo “Día Solidario”

O Banco de Alimentos de Lugo recibiu unha doazón de 2.000 euros procedente de Caixa Rural Galega, recadados a través da iniciativa “Día Solidario”, coa que o Grupo Caja Rural achega o 20 % do importe das pólizas comercializadas durante esa xornada, que coincide cada ano coa celebración da Volta Ciclista a España.
Como en edicións anteriores, esta achega económica destínase a apoiar proxectos sociais e comunitarios, reafirmando o compromiso do Grupo coa mellora das condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade. O Día Solidario converteuse xa nunha cita fixa no calendario do Grupo Caja Rural, que colabora con distintas asociacións e organizacións locais para garantir que as axudas cheguen directamente a quen máis as necesitan.
A iniciativa reflicte o espírito de compromiso e responsabilidade social de Caixa Rural e do seu equipo ciclista, que consideran a solidariedade un piar esencial para construír unha sociedade máis xusta e próxima. Xunto coa “Bicicleta solidaria”, esta acción consolidou ao equipo ciclista Caixa Rural-Seguros RGA como o máis solidario do pelotón, convertendo a axuda humanitaria nun auténtico selo de identidade do Grupo.
Nesta ocasión, a entidade beneficiaria foi novamente o Banco de Alimentos de Lugo, presidido por Amadora Núñez, quen aproveitou a visita para mostrar as instalacións e explicar de primeira man a importante labor que desenvolve a institución, apoiada por un amplo grupo de voluntarios de diversas nacionalidades. Grazas a eles é posible xestionar e distribuír os alimentos que chegan a centos de familias que dependen destas organizacións sen ánimo de lucro para cubrir unha necesidade tan básica como é a alimentación.