O Banco de Alimentos de Lugo recibiu 12.900 quilos de produtos agroalimentarios
O Banco de Alimentos de Lugo recibiu 12.900 quilos de produtos do agro como patacas, tenreira galega e mel así como 1.365 pezas de queixo da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Tetilla, por parte do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Esta entrega enmárcase na canle de Mercaproximidade.
No acto, o director xeral destacou que esta iniciativa se enmarca dentro da rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.
Ao abeiro de Mercaproximidade, no conxunto de Galicia estanse a distribuír, ao longo deste mes de decembro, un total de 62.800 quilos de produtos, contabilizando patacas, Ternera Gallega, mel, porco celta e cordeiro, así como 4.055 pezas de queixos con DOP, 70 pezas de salchichón e chourizo cular e un cento de tarrinas de requeixo. En total, estes produtos de calidade acadan un valor que se achega aos 89.000 euros. Todo este material estase a entregar aos bancos de alimentos da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Rías Altas, Monforte, A Mariña e Santiago de Compostela.
Mercaproximidade
Dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta doou este tipo de produtos tanto aos bancos de alimentos como ás cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.
O obxectivo principal é dar saída aos produtos agroalimentarios galegos nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.