O barrio da Abella albergará a nova comisaría da Policía Nacional de Lugo
A nova comisaría da Policía Nacional de Lugo situarase no barrio da Abella. Así o anunciou este mércores a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que recordou que o ofreceron dende o Concello dúas parcelas que reúnen as características necesarias para acometer a nova edificación da comisaría conforme aos estándares marcados pola División Económica e Técnica da Policía Nacional. Trátase dun terreo na rúa Orquídea, en concreto na súa confluencia con Aquilino Iglesia Alvariño, de 2.117 metros cadrados catalogado como solo para equipamento. “Deste xeito, cumprimos o noso compromiso de levar a nova comisaría á zona norte da cidade. Compromiso que foi adquirido cos colectivos veciñais destes barrios e que para nós era inquebrantable”, asegurou Alvarellos.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, recordou que a comisaría de Lugo é unha obra prioritaria para o Executivo central. “Hoxe é un punto de partida. Non hai volta atrás. Trátase dun reto ambicioso no que non imos escatimar nin esforzos, nin recursos”, indicou Blanco, que destacou a óptima situación da parcela para albergar esta nova sede xa que segundo valoraron os técnicos dispón de acceso fácil e cómodo para as persoas usuarias e de comunicación rápida e áxil para a prestación dos servizos policiais ligados á seguridade cidadá. Para Blanco supéranse
“anos de atrancos e de marchas atrás que non se merecen esta cidade nin moito menos a Policía Nacional”. Apostan, deste xeito, por un edificio novo e “non por solucións peregrinas que pasaban por reformas de edificios doutras administracións. Un parche que non fixeron en case 20 anos. O que hoxe presentamos é unha solución de futuro e de consenso”, concluíu.
Iniciar a licitación
Antes de rematar, Alvarellos Fondo manifestou que a súa vontade de que o novo proxecto sexa unha realidade no menor tempo posible. “Agora mesmo estamos a estudar que fórmula é a máis áxil para realizar o trámite de cesión e poñer este terreo ao dispor do Ministerio para que así a nova comisaría de Abella poida ser incluída no Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado vixente e comezar canto antes o proceso de licitación deste tan necesario proxecto”, dixo.
Tanto a rexedora como o delegado agradeceron a colaboración e o compromiso mostrados en todo momento polo Ministerio así como o esforzo investido por parte da xefatura da División Económica e Técnica da Policía Nacional para que este obxectivo tome forma. Ambos tiveron palabras de recoñecemento para o Xefe Superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez Nieto, e para o Comisario Provincial, Luís Romera. “Sen dúbida, hoxe é un gran día para a cidade”, concluíu Alvarellos.
Tras o anuncio da ubicación, dende o Grupo Municipal do Partido Popular amosan a súa preocupación pola falta de concreción do anuncio, xa que no mesmo non figuran prazos de execución nin partidas orzamentarias. "No día de hoxe esperabamos a presentación dos documentos que xustificasen os trámites levados a cabo. Estaremos atentos a que este anuncio non quede nunha mera declaración de intencións", sinalan. Nesta liña, demandarán aos Gobernos municipal e estatal unhas infraestruturas e espazos suficientes para prestar os servizos precisos á cidadanía e mellorar as condicións laborais dos axentes.