O barrio da Tinería acollerá unha nova edición de Cantos de Taberna

LugoXa
A iniciativa combina obradoiros de música e baile con actuacións en seis locais de hostalería e unha foliada final
Cantos-de-Taberna-na-Tineria-Lugo
23 Sep 2025

O barrio da Tinería en Lugo acollerá unha sesión de Cantos de Taberna, organizada pola asociación de empresarios Itineris co patrocinio da Xunta de Galicia. A presentación da actividade contou coa presenza do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e de Isabel Lozano, presidenta do colectivo.

A cita comezará cun obradoiro de pandeireta ás 18:00 horas, seguido dun obradoiro de baile tradicional a partir das 19:00 horas. Ambos os obradoiros son gratuítos, van dirixidos a participantes maiores de 12 anos e requiren inscrición previa.

Arredor das 20:30 horas comezarán os cantos de taberna, que percorrerán seis locais de hostalería do barrio, rematando cunha foliada final. A asociación Itineris publicará máis detalles do programa nas súas redes sociais.

O obxectivo desta iniciativa é dinamizar o barrio, promocionar a música e a cultura tradicional e contribuír á actividade económica e cultural da cidade. Durante a presentación, resaltouse o éxito do recente ‘tardeo’ musical do pasado sábado, que contou co apoio da Xunta e que demostrou o impacto positivo destes eventos en Lugo, tanto a nivel económico como de imaxe da cidade en días de alta afluencia de visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.11375784873962