O barrio de Fingoi loce un novo mural, neste caso elaborado polo artista lugués Tirso Paz

LugoXa
“Pintar aquí foi moi especial. Esta zona foi parte do meu día a día durante moitos anos. A Carballeira sempre foi un lugar importante para min", sostivo o artista
Raiña-da-Carballeira-Mural-Tirso-Paz-Fingoi-Lugo-Urban-Cores
28 Apr 2025

O artista lucense Tirso Paz Sans, coñecido como Bublegum, vén de rematar o seu último mural en Lugo, concretamente na rúa Armónica, no barrio de Fingoi.

A obra, titulada 'Raíña da Carballeira', forma parte do proxecto cultural Urban Cores, que cada ano transforma a paisaxe urbana de Lugo a través da arte contemporánea.

«Pintar aquí foi moi especial. Esta zona formou parte do meu día a día durante moitos anos. A Carballeira sempre foi un lugar importante para min. Cando me ofreceron esta parede non dubidei nin un segundo en aceptar o proxecto», explica o artista.

O mural representa unha figura feminina que encarna a alma do bosque galego (parte meiga, parte gardiá silenciosa da Carballeira). Cunha mirada firme e serena, e rodeada de follas de carballo, é un símbolo da forza ancestral dos carballos. A imaxe convértese nun símbolo de conexión entre a cidade e a natureza.

O estilo de Bublegum, que mestura o retrato realista coa ornamentación e os elementos orgánicos, achega unha narrativa visual que transcende o decorativo: «Quería que esta peza falase de raíces, de identidade, do que nos sostén».

Con respecto ao proceso creativo, este non foi doado. «A choiva fixo que todo fose máis lento do que esperaba, houbo días nos que apenas puiden avanzar», comenta o artista. Aínda así, destaca a calor dos veciños e a implicación da comunidade: «A acollida foi incrible. Pintar aquí, na casa, rodeado de xente que se para a mirar, a preguntar ou simplemente a saudar, foi algo moi especial».

Recentemente, Tirso Paz recibiu o prestixioso recoñecemento internacional ao Mellor Mural do Mundo 2024, na categoría Artist Choice, outorgado pola plataforma especializada Street Art Cities.

Urban Cores: arte urbana con alma local
A intervención de Bublegum enmárcase nunha nova edición de Urban Cores, un proxecto impulsado por Diego As e Concepto Circo, co respaldo do Concello de Lugo a través da área de Xuventude.

As actuacións en Fingoi súmanse ás realizadas en edicións anteriores en zonas como a rúa Esquecemento, consolidando a Lugo como unha cidade comprometida coa arte urbana e coa transformación social a través da cultura.

⚙ Configurar cookies
0.16491603851318